Mundos Digitales abre na Coruña cun relatorio de profesionais de Disney Animation

xoves, 6 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Esta mañá botou a andar en PALEXCO unha nova edición de Mundos Digitales, congreso internacional de animación, efectos visuais, realidade virtual, videoxogos e arquitectura dixital que abriu por todo o acto cunha conferencia de Rajesh Dharma, director de Tecnoloxía de Walt Disney Animation Studios, e a enxeñeira de software Ying Liu, quen explicaron a evolución dos efectos dixitais nas películas de animación de Disney, centrándose, entre outras aspectos, nas cada vez máis traballadas texturas da pel dos personaxes zoomorfos e no cabelo nos personaxes humanos de Zootrópolis e Vaiana. Tamén houbo unha atención especial ás posibilidades dos efectos dixitais para reproducir a auga en movemento, para o que os estudios empregan simulacións baseadas na física e as matemáticas para reproducir o movemento da auga con maior facilidade e menor custo, e poder destinar así máis recursos ao desenvolvemento do personaxes da película.
Sharma rematou a súa conferencia instando aos asistentes a visitar a páxina web de Disney e estar atentos ás ofertas de postos de traballo de interinos e bolseiros que a compañía ofrece de xeito regular cada verán e puntualmente cando os seus equipos precisan apoio para unha produción concreta, recomendación que cadrou perfectamente por unha das actividades de máis éxito do encontro: a Feira de Emprego na que máis de 20 empresas contactan con estudantes e profesionais do sector para atopar talento para os seus novos proxectos.
Dende a organización de Mundos Digitales aseguran que esta Feira de Emprego conseguiu medrar até o punto de converterse na segunda máis importante do sector a nivel europeo, de eito que é unha magnífica oportunidade para os que están a introducirse profesionalmente neste dinámico e prometedor sector.

Máis de 20 empresas acoden a Mundos Digitales para captar talento

PUBLICIDADE