Mundos Digitales abriuse ao público xeral co seu primeiro Out of the Box

venres, 7 de xullo do 2017 Marcus Fernández

O congreso internacional de animación, efectos visuais, realidade virtual, videoxogos e arquitectura dixital Mundos Digitales chegou hoxe ao seu ecuador, nunha xornada que destacou pola estrea da sección Out of the Box na que presentáronse aplicacións industriais da creación dixital como a conferencia de Xavi Tribó (Glassworks) quen explicou o seu traballo con Nissan para deseñar o Percebeiro Shield, un dispositivos para alertar aos percebeiros da chegada de fortes ondas para poder realizar o seu traballo con maior seguridade. Este proxecto é unha combinación dun produto wearable e dispositivos LIDAR.
Tribó tamén compartiu panel na sesión vespertina con Ignacio Lacosta (Entropy Studio), responsable dos efectos visuais de series como Velvet e Las chicas del cable, e con Félix Bergés (El Ranchito), gañador de varios Premios Goya e responsable dos efectos visuais de Lo Imposible e Un monstruo viene a verme.
Os asistentes a Out of the Box (unha sorte de xornada de portas abertas para persoas que non estivesen inscritas ao congreso) tamén puideron visitar de 17:00 a 20:00 horas a sección de VR Dimension, na que poder probar diferentes demostracións da tecnoloxía de realidade virtual con cascos HTC Vive e Oculus Rift, e que incluso permitía a posibilidade de achegarse ás HoloLens de Microsoft (tecnoloxía en desenvolvemento que aínda non está dispoñible oficialmente para os desenvolvedores españois).
Unha das actividades máis concorridas da xornada foi a charla de David Alonso (Lightbox Academy), codirector de Tadeo Jones, el secreto del Rey Midas, quen explicou os grandes avances técnicos e artísticos da nova película do arqueólogo máis zoupón do mundo e os seus amigos. Detallou a importancia do layout, o uso de novas tecnoloxías como Arnold, as melloras nas técnicas de iluminación e a ambición de conseguir que a nova entrega de Tadeo Jones fose unha «película grande», que poderemos ver nos cines no mes de agosto.

En VR Dimension pódese probar a tecnoloxía das HoloLens de Microsoft que busca explorar o potencial da realidade mixta
En VR Dimension non faltaron os xogos que tiran proveito do casco de realidade virtual HTC Vive

PUBLICIDADE