Mundos Digitales medrará en actividades na súa nova edición

mércores, 31 de maio do 2017 Redacción

Os días 6, 7 e 8 de xullo celebrarase na Coruña a 16ª edición de Mundos Digitales, o congreso internacional de animación, VFX, realidade virtual, videoxogos e arquitectura dixital considerado todo un referente do sector a nivel europeo, que unha vez máis terá lugar en PALEXCO, aínda que desta volta contando cun maior espazo o que permitirá incrementar o número de actividades.
«Por primeira vez, este ano imos ter actividades simultáneas», comenta o director do congreso, Manuel Meijide, quen engade que «Mundos Digitales creceu tanto en asistencia, colaboradores, relatorios, obradoiros e xuntanzas, que os participantes no congreso van ter que elixir onde estar en cada momento para non perderse os eventos que sexan do seu interese».
Ademais das seccións habituais este ano estrean a sección Out of the Box. Industry & Design, que presentará aplicacións industriais da creación dixital. «Nesta nova sección queremos presentar experiencias que abren o horizonte da creación dixital máis aló das súas actuais aplicacións no sector audiovisual ou a arquitectura dixital para penetrarnos nas súas posibilidades como ferramenta para outras industrias e servizos», sinala Meijide.
Outra nova sección é School Leads, que nace co obxectivo de poñer de manifesto o gran nivel do ensino e a excelencia dos centros formativos, universidades, escolas e academias españolas do sector da animación, os efectos visuais e os contidos dixitais en xeral.
«Estas novas iniciativas, xunto ao reforzo das seccións habituais de Conferencias, Talleres, unha zona específica de Realidade Virtual, o festival de curtas e, sobre todo a puxanza cada vez maior da Feira de Emprego fan que esta edición de 2017 sexa a máis ambiciosa ata a data», sinala Meijide.

Conferencias

Como cada ano, Mundos Digitales 2017 ofrecerá de novo os relatorios dos mellores profesionais da industria dixital. Na edición deste ano xa está confirmado Ignacio Lacosta, CEO de Entropy Studio, empresa responsable dos efectos visuais de producións como Eva, Velvet ou a nova serie de Netflix Las Chicas del Cable.
Lacosta compartirá tamén un panel con outros dous creadores españois de primeira fila: Félix Bergés, CEO de El Ranchito, gañador de numerosos Premios Goya e responsable dos efectos visuais de superproducciones como Lo Imposible ou Un monstruo viene a verme; e Xavi Tribó, cofundador de Glassworks e referente internacional no desenvolvemento de tecnoloxías emerxentes e transformación dixital.
En canto a presenza internacional e como conferencia plenaria, Walt Disney Animation, da man do seu director tecnolóxico Rajesh Sharma, abrirá un potente programa de relatorios que combinará as grandes superproducións de Hollywood e as producións nacionais de referencia durante os tres días que farán de Coruña na capital europea da creación dixital.
Os responsables dos efectos visuais de producións como Gardianes de la Galaxia 2, Rogue One: Una historia de Star Wars ou Juego de Tronos, contarán de primeira man as últimas tecnoloxías utilizadas nestas producións.
Mundos Digitales 2017 presentará tamén a versión renovada da Familia Telerín, agora en 3 dimensións. Co seu creador (que o é tamén de Pocoyó), gozaremos de novo coa entrañable familia que durante tantos anos mandaba aos nenos en España á cama ás 9.

Feira de emprego

En Mundos Digitales créase o ambiente perfecto para pór en contacto a estudantes e profesionais do sector da animación e os efectos especiais con empresas que buscan talento. Por iso, esta nova edición da Feira reunirá a máis de 20 compañías dispostas a identificar talento e incorporalo ás súas producións.

Festival Internacional de curtas de animación

Un comité de selección está a revisar todas as curtametraxes recibidas. Os finalistas das distintas categorías daranse a coñecer a partir do 1 de xuño de 2017 e incluiranse no programa oficial de Mundos Diditales. Un xurado composto por profesionais do audiovisual decidirá os gañadores, que se darán a coñecer na cerimonia de entrega de premios o 8 de xullo de 2017.

PUBLICIDADE