Mundos Dixitais celebrarase entre os días 1 e 5 de xullo na sede coruñesa da Fundación CaixaGalicia

martes, 17 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Teresa Porto, directora da Fundación CaixaGalicia, durante a presentación de Mundos Dixitais 2008

A creación dixital terá na Coruña un punto de encontro coa celebración de Mundos Dixitais 2008, que chega este ano á sétima edición deste festival internacional de animación, efectos especiais e videoxogos. O evento presentouse esta mañá nun acto no que participaron, entre outros, o vicerreitor de Cultura e Comunicación da Universidade da Coruña, Luís Caparrós; a directora da Fundación CaixaGalicia, Teresa Porto; e o director de Mundos Dixitais, Manuel Meijide, que destacou que o foro converte «a Galicia nunha referencia do sector en todo o mundo».
Como en anteriores edicións, Mundos Dixitais permitirá un achegamento ás últimas novidades dunha industria que medra a grande velocidade e abarca a moitas disciplinas, e cono nas últimas entregas do evento, os participantes xuntaranse no vangardista edificio da Fundación CaixaGalicia.
A principal novidade deste ano é que os Premios 3DAwards, os Oscar da infoarquitectura, entregaranse durante este encontro e estarán dedicados á figura da Torre de Hércules co gallo da súa candidatura a Patrimonio da Humanidade.