Circulan imaxes dunha suposta consola portátil de Microsoft con reprodución multimedia e móbil

martes, 19 de maio do 2009 Marcus Fernández

Os rumores ao redor do Zune, alentados pola proximidade do E3 e do lanzamento dun novo iPhone, veñen de escribir un novo capítulo, pois circula pola rede unha serie de imaxes do que supostamente sería o ZuneX, unha consola portátil de Microsoft que mediría 170 x 74 x 22 milímetros, pantalla cunha resolución de 640 x 363 píxeles, 32 Gb de memoria interna, lector de tarxetas microSD, reprodución de vídeo (incluíndo DivX) e audio, conectividade Bluetooth, Wi-Fi e UMTS/HSDPA (de xeito que funcionaría tamén coma móbil) e compatible con xogos de Xbox LIVE Arcade, Zune Original e o servizo OnLive, o que resulta bastante difícil de crer por múltiples motivos: a súa imaxe é realmente mala (e moi distinta da estética que presenta a Xbox 360), o híbrido de reprodutor multimedia + consola portátil + teléfono parece demasiado arriscada (especialmente se temos en conta o fracaso da primeira N-Gage de Nokia) e a fonte desta información é un blog bastante descoñecido.
Aínda que o lanzamento dun Zune mesturado cun teléfono puidese ser unha boa idea (especialmente se conta cunha versión debidamente adaptada do Windows Mobile), os desmentidos de Microsoft sobre as informacións publicadas nas últimas semanas dá a entender que non podemos fiarnos de ningún dato que non chegue directamente da compañía de Redmond.