Netflix, Vaca Films e FAD Juventud organizaron unha xornada formativa orientada a traballar no audiovisual
luns, 3 de xuño do 2024
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou o pasado sábado na clausura da segunda edición do programa Formando equipo: traballa no audiovisual, impulsado polo Goberno galego, a plataforma Netflix, a produtora Vaca Films e a fundación FAD Juventud para a formación específica de estudantes no eido audiovisual.
Román Rodríguez quixo felicitar a Netflix, Vaca Films e FAD Juventud pola organización deste programa. Aos alumnos participantes trasladoulles a responsabilidade que teñen “para mellorar unha industria da que estamos orgullosos e que é un referente a nivel estatal”.
Un total de 25 alumnos de ensinanzas artísticas e de FP participaron este ano na segunda edición do programa Formando equipo: traballa no audiovisual, na que recibiron unha formación profesionalizadora de perfil de atrecista enfocada no audiovisual. O obxectivo é dar a coñecer as oportunidades que ofrece o sector en profesións que non están orixinalmente vencelladas a el, ao tempo que se crean sinerxías entre as entidades implicadas e se contribúe á formación de persoal neste ámbito produtivo.
O curso desenvolveuse no Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago e participaron nel estudantes dos ciclos de Escultura aplicada ao espectáculo e de Dourado, prateado e policromía das escolas de arte e superiores de deseño Pablo Picasso (A Coruña), Mestre Mateo (Santiago de Compostela), así como alumnado dos ciclos de Deseño e amoblamento dos centros integrados de FP Someso (A Coruña), Politécnico de Santiago (Santiago de Compostela), Valentín Paz Andrade (Vigo) e A Xunqueira (Pontevedra).