O Concello de Covelo estrea aplicación móbil de incidencias
venres, 14 de xuño do 2024
O Concello de Covelo adheriuse ao proxecto da Deputación de PontevedraMeu Concello co obxectivo de estar máis preto da cidadanía e ofrecer un servizo público máis áxil. A aplicación de teléfono móbil Meu Concello, que xorde directamente do marco deste acordo, funcionará como unha canle directa de comunicación co Consistorio. Para poder utilizar este novo servizo é necesario proceder á descarga da aplicación móbil Meu Concello, que estará dispoñíbel en Google Play (para Android) e a App Store (para iOS) de maneira gratuíta.
Trala súa instalación a persoa usuaria só ten que seleccionar o seu concello e, para comunicar unha incidencia, abonda con premer sobre o botón Nova Incidencia, o que despregará un menú coas diferentes tipoloxías. A persoa usuaria selecciona aquela sobre a que quere comunicar e, de forma automática, a aplicación detecta as coordenadas exactas nas que se atopa o problema. O seguinte paso é achegar unha foto da incidencia, escribir unha observación sobre a mesma e premer o botón de Enviar.
Unha vez enviada, o persoal do Concello recibe a notificación e, a partir dese momento, inícianse os trámites para dar solución á incidencia detectada. A cidadanía, á súa vez, recibe unha notificación no seu teléfono móbil sempre que se produza un cambio no estado. Tamén pode facer seguimento da situación na que se atopa a mesma a través do botón de Enviadas.
Ademais de comunicar unha incidencia, as persoas poden acceder a información propia do municipio e a puntos de interese do mesmo.
Ao servizo tamén se pode acceder a través de meuconcello.com.
A través da implantación desta canle directa de comunicación entre o Concello e a cidadanía preténdese coñecer as necesidades reais do municipio para así poder atender dunha forma mais rápida e precisa as peticións dos veciños.