Netflix estrea unha serie baseada en Castlevania

venres, 7 de xullo do 2017 Marcus Fernández

O anuncio de que Netflix ía estrear este ano unha serie de animación baseada na saga Castlevania foi unha grata sorpresa para os seareiros das aventuras do clan Belmont, e finalmente a produción inspirada en Castlevania III: Dracula’s Curse estrea a súa primeira tempada en Netflix con 4 episodios de 23 minutos nos que contan a historia dun cazador de vampiros que trata de defender unha cidades fronte a un exército de bestas malignas lideradas polo propio Drácula.
Esta produción de Frederator Studios ten confirmadas polo momento 2 tempadas, de xeito que teremos que agardar a 2018 para continuar a historia que veu a luz hoxe, e que pretende manter o toque clásico que ten a saga de videoxogos nacida en 1986.
Dada a expectación xerada por esta serie de Netflix non sorprende que decidisen encargar unha serie baseada en The Witcher e nos últimos días anunciasen tamén que estaban a preparar unha serie de animación de Assassin’s Creed. Nótase que os videoxogos forman unha parte moi importante da cultura dos millennials, de xeito que o seu aproveitamento para o desenvolvemento de películas e series de televisión promete ser cada vez máis habitual, na mesma liña do que aconteceu nos últimos anos coas adaptacións de banda deseñada a cine e televisión.

A serie de animación de corte xaponés adopta unha estética moi propia das primeiras entregas da saga Castlevania

PUBLICIDADE