Netflix para Windows 10 permite ver vídeo nunha fiestra flotante

luns, 16 de abril do 2018 Marcus Fernández

A aplicación de Netflix para Windows 10 vén de recibir unha actualización cunha atractiva novidade: a posibilidade de reproducir os seus contidos nunha fiestra de tamaño reducido que flote sobre o resto de aplicacións abertas. Deste xeito, os usuarios desta plataforma de streaming poden reproducir películas e series de televisión no seu ordenador mentres traballan, manténdose sempre o vídeo en pantalla e facilitando así o consumo audiovisual mentres se realizan outras tarefas.
Esta funcionalidade da aplicación de Netflix o que fai realmente é tirar proveito dunha nova prestación da grande actualización de Windows 10 do pasado outono, na que se introduce a posibilidade de que as aplicacións empreguen fiestras flotantes para a reprodución de vídeo, á vez que permiten uns controis básicos visibles. Até o momento Películas y TV era unha das poucas aplicacións para Windows 10 que aproveitaba esta posibilidade do sistema, e o feito de que Netflix optase por facer tal agora é unha magnífica nova para os usuarios que agora, aparte do botón para ver os vídeos a pantalla completa teñen tamén outro botón para gozar dos contidos nunha pequena xanela flotante.

PUBLICIDADE