Nintendo non anunciará a Wii na televisión británica por non ser capaz de atender a súa demanda

luns, 10 de decembro do 2007 Marcus Fernández

Todo apunta a que por segundo Nadal consecutivo vai resultar moi difícil facerse cunha consola Nintendo Wii como agasallo, polo que a empresa nipona está a revisar a súa publicidade televisiva, cando menos no Reino Unido, onde decidiron que substituirán os anuncios previstos para a Wii por outros da súa consola portátil (a DS).
A empresa considerou que sería irresponsable continuar a promocionar unha consola da que non poderían atender a forte demanda agardada para as vindeiras semanas.
Nintendo está a producir 1,8 millóns de consolas Wii cada mes, o que non parece chegar para atender a demanda do mercado, e non só se nota isto no Reino Unido, senón que en España xa está a resultar difícil atopar as consolas nos estantes das tendas, de xeito que quen queira facerse cunha para o Nadal debería facer a correspondente reserva.