Nintendo podería estar a priorizar os envíos de Wii Fit a Europa ante a fortaleza do euro

martes, 3 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Que o mercado de videoxogos europeo superase ao norteamericano comeza a ter consecuencias, e os analistas de Wedbush Morgan Securities aseguran que Nintendo está a dar prioridade a Europa no envío de Wii Fit, pois ás nosas terras chegaron 2 millóns de unidades, mentres que a EE.UU. apenas chegaron 500.000, o que resulta bastante complicado adquirir o xogo que fai uso da táboa de equilibrio da Wii (que na práctica estaría esgotado no mercado norteamericano).
O Wii Fit chegou o 19 de maio a EE.UU., e moitas tendas tiveron que rexeitar a pre-reserva de unidades porque xa tiñan encargadas máis copias das que ían a recibir, e mentres dende Nintendo se desculpan e din que están a traballar en solucionar o problema, os analistas sosteñen que o fabricante nipón está a desviar as unidades a Europa ante a fortaleza do euro.
Normalmente o mercado europeo é o último en recibir consolas e xogos, pero ao resultar máis rendible vender en Europa, parece que se rematou tal discriminación.

PUBLICIDADE