Noite Galega das Telecomunicacións 2008: coa vista nas estrelas

luns, 3 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

Rolda de prensa de presentación do programa de celebración da XIII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, promovido polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia

A organización da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2008 non quere deixar pasar a oportunidade de seguir ollando cara ao espazo, agora que Galiza e o que se sitúa entre ela e as estrelas está máis preto que nunca. Ou sexa: agora que xa é unha realidade a posta en marcha dun satélite sobre a nosa xeografía dirixido a lanzar cobertura de Televisión Dixital Terrestre alí onde a accidentada paisaxe galega se lle pon a contrapelo. Evitar que estas e outras pescudas das moitas posibilidades do eido aeroespacial fiquen sen continuidade, sobre todo no comunicativo, será un dos grandes obxectivos da devandita celebración galega, prevista para este venres 7 de novembro no Gran Hotel Hesperia da Illa da Toxa, no Grove.
O encontro, o máis importante dos que se celebran en Galiza neste eido profesional (e un dos máis senlleiros a nivel español), reunirá este ano a máis de 300 representantes do sector das TIC, entre os que se contan, precisamente, persoeiros estreitamente ligados á apertura de camiños abondo externos, como o cosmonauta ruso Sergei Krikalev (récord de permanencia no espazo: 803 días), quen participará no evento por partida dupla. Por certo que tamén está prevista a achega dun dos máximos representantes do eido das telecomunicacións a nivel europeo: Barry Reynolds, presidente da Federación de Enxeñeiros de Telecomunicacións da UE.
A xuntanza, que acollerá a entrega de cinco grandes premios encamiñados a salientar o labor despregado en Galiza a favor do afianzamento das TIC, foi presentada este luns polos responsables do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións (COETG), entidade organizadora do evento. No acto tamén fixeron acto de presenza os directores xerais de Promoción Industrial e Comunicación Audiovisual, Helena Veiguela e máis Manuel Fernández, respectivamente.
No que respecta á súa feitura, a Noite Galega das Comunicacións non será exactamente unha noite. En certa maneira, será case unha xornada enteira de encontros en maior ou menor medida oficiais (o que figura no programa, perfectamente estipulado, é só unha parte do que logo colle corpo, tendo en conta as ligazóns que unen a unha boa cantidade dos que participan nela) e a desenvolver en espazos distintos. O comezo desta xuntanza estará en Compostela, máis polo miúdo no Hostal dos Reis Católicos, a partir das 12.00 horas deste venres 7 e a xeito de primeira toma de contacto do que será o miolo da actividade. A reunión, á que asistirán representantes do sector espacial español a través de membros de Proespacio (Asociación Española de Empresas do Sector Espacial), terá continuidade máis tarde, xa na Illa da Toxa, coa mesa redonda A industria Espacial e as Telecomunicacións, sesión na que concorrerán profesionais galegos e españois arredor un intercambio de coñecemento ben concreto: o que atinxe ás posibilidades do sector espacial. Concluída esta xuntanza, comezará propiamente dita a 13ª edición da Noite, no transcurso da cal –entre outras moitas cousas- procederase a facer entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e máis dunha placa conmemorativa a xeito de distinción especial dirixida a Sergei Krikalev. Por certo que o cosmonauta ruso, recentemente nomeado vicepresidente de Energia Rocket and Space Corporation, será sen lugar a dúbida unha das estrelas da gala, xunto con Barry Reynolds, presidente do FITCE, que acudirá á nosa terra para dar a coñecer as claves e os obxectivos do vindeiro encontro paneuropeo de profesionais das Telecomunicacións, o evento FITCE 2010, que se vai celebrar precisamente en Santiago e coincidindo co Ano Xacobeo.
Na Noite tamén fará acto de presenza o presidente da Xunta de Galicia, quen amais de participar activamente no encontro da Toxa cun relatorio sobre os obxectivos do seu Goberno en materia de novas tecnoloxías aplicadas á industria espacial, será obxecto de homenaxe por parte do COETG, quen o distinguirá como socio de honra polo seu labor e compromiso a prol do afianzamento das TIC en Galiza, tanto como canles de acceso á Sociedade da Información como por terse convertido en materia prima empresarial.
Máis premios
Amais da devandita do presidente da Xunta, o COETG fará entrega de catro distincións máis ao longo da Noite. Damos conta delas:
· Wireless Galicia. A empresa do eido do acceso ás novas tecnoloxías vai ser recoñecida co premio Enxeñeiro Xerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial TIC. O galardón irá dar a mans da dita empresa galega como distinción polo seu traballo no eido das novas tecnoloxías aplicadas a proxectos de interese sociosanitario, así como pola súa propia proxección como empresa. “Unha iniciativa”, prosegue o COETG, “que propón a aplicación das novas tecnoloxías móbiles e accesibles ao dito sector, facendo o posible por desenvolver a rede de saúde de Galicia e facilitando o seguimento dende o fogar de determinados parámetros médicos a enfermos con doenzas crónicas”.
· Centro de Educación Especial Rexional de Xordos de Santiago. A iniciativa social que ten a sede en Compostela foi significada polo COETG co premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, en boa medida grazas á proposta Taboleiro Dixital. Este desenvolvemento, dirixido pola propia directora do Centro (Fátima García) coa axuda da Escola Técnica Superior de Enxeñería en Telecomunicacións (ETSET) de Vigo, é un vehículo especialmente axeitado para a mellora da calidade de vida das persoas con diversidade funcional auditiva. Trátase dunha ferramenta de uso logopédico que inclúe, entre outras cousas, un software baseado nun marcador electrónico e que favorece, amais dun meirande contacto co mundo, o acceso destes colectivos á Sociedade da Información.
· Bit Oceans Research. A empresa galega fíxose co galardón á Mellor Aplicación TIC grazas á súa iniciativa FIVIDOC, dirixida a achegar mellores e maiores condicións de seguridade e confidencialidade aos documentos. A ferramenta, automática e válida para calquera tipo de impreso, encamíñase directa á loita contra a falsificación, evitando a xeración de documentos falsos e, tamén, a manipulación do contido dos mesmos. Para o seu uso só son precisas impresoras ou escáneres convencionais.
· Gerardo García Alvela, director xeral de Sistemas Audiovisuais Itelsis, recibirá o día 7 o galardón de Enxeñeiro do Ano, entregado polo COETG coa finalidade de distinguir, dentro do eido profesional galego, o seu espírito emprendedor e o seu compromiso co afianzamento das novas tecnoloxías na nosa sociedade.