Nokia baixa o prezo do seu N810

mércores, 12 de marzo do 2008 Marcus Fernández

O último Mobile Internet Device (MID) de Nokia, o N810, que combina unha pantalla táctil de 4,13 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, un teclado QWERTY deslizante, conectividade Wi-Fi, Bluetooth, GPS e un sistema operativo aberto que mesmo conta cunha versión do navegador da Fundación Mozilla (con soporte de tecnoloxía Flash) poderá mellorar as súas vendas grazas a que rebaixa o seu prezo 90 dólares para situarse nos 389,99 dólares (pouco máis de 250 euros, aínda que non se coñece o prezo que terá a partir de agora no mercado europeo).
O Nokia N810 é un dispositivo que goza de moito atractivo, por facer as funcións dun ordenador conectado á Internet, pero podendo levarse no peto, de aí que preparen unha revisión equipada con WiMAX (que se coñecerá coma N830). Amais, hai poucos meses tamén incorporou a aplicación Skype, de xeito que, aínda que non se trate dun móbil, pode empregarse para funcións de voz sobre IP.