Nova liña de axudas por valor de tres millóns de euros para I+D+i

mércores, 25 de marzo do 2026 Redacción

A Xunta de Galicia reforza o apoio ás pequenas e medianas empresas no seu desenvolvemento en materia de I+G+i mediante o novo programa Ciencia-Empresa, dotado con 3 millóns de euros, presentado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nun acto no que tamén participou a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo.
O responsable autonómico explicou que esta convocatoria, incluída como novidade no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, dá resposta a unha demanda das pemes detectada durante a elaboración do Plan galego de I+D+i: contar cunha liña específica para financiar proxectos de investigación e desenvolvemento adaptados ás súas características. Trátase, segundo indicou, dunha ferramenta para apoiar as empresas nas súas investigacións e reducir o risco propio destas fases da I+D+i.
Tal e como detallou, a convocatoria, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, está aberta a iniciativas de calquera ámbito temático, aínda que prioriza sectores considerados estratéxicos para o futuro económico, como a biotecnoloxía, as tecnoloxías profundas (entre elas a intelixencia artificial e as tecnoloxías cuánticas) e as enerxías limpas, en consonancia coa estratexia europea.
As pemes con actividade en Galicia poderán optar a estas axudas para proxectos individuais de investigación industrial ou desenvolvemento experimental que se executen entre 2026 e 2028. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 27 de abril.
A intensidade das subvencións situarase entre o 40 e o 75 %, cun máximo de 375.000 euros por proxecto, en función do tamaño da empresa e da tipoloxía da iniciativa. A liña está financiada con fondos europeos do programa Galicia Feder 2021-2027 e contempla anticipos de ata o 80 % da axuda concedida, co obxectivo de reducir a incerteza asociada aos procesos de I+D e fomentar a posta en marcha deste tipo de proxectos.
O programa Ciencia-Empresa busca impulsar a I+G+i e mellorar a capacidade de Galicia para transformar coñecemento en valor económico, apoiando a investigación desenvolvida no tecido empresarial e promovendo resultados tanxibles. Ademais, pretende favorecer a creación de emprego cualificado e a retención e captación de talento.
Galicia acumula 11 anos consecutivos de crecemento no investimento en I+D, cun máximo histórico en 2024 de 1.058 millóns de euros (un 10 % máis que o ano anterior), por riba da media estatal. Este incremento está vinculado en boa medida ao investimento empresarial, que tamén marcou récord cun volume de 510 millóns de euros. Con todo, o peso das empresas no conxunto do investimento segue por debaixo dos niveis estatal e europeo, polo que esta convocatoria busca reforzar a participación do sector privado e estimular novos proxectos de I+D empresarial.