Nova versión de proba do Skype 3.0

xoves, 9 de novembro do 2006 Marcus Fernández

Os usuarios do programa Skype para Windows poden instalar xa unha versión de proba do Skype 3.0, que inclúe moitas novidades que serán realmente agradecidas xa que, aparte de corrixir fallos e mellorar prestacións anteriormente presentes, tamén se producen innovacións.
Para comezar, a nova versión conta cunha aparencia mellorada e máis atractiva; abre a posibilidade de participar en chats públicos (o que supón o cambio máis importante da nova versión, pois pasa da mensaxería instantánea a un programa que tamén combina prestacións tipo IRC); inclúe extensións para Internet Explorer e Firefox (que permiten converter os números telefónicos nas webs en ligazóns para iniciar chamadas a través do servizo SkypeOut); mellora o sistema de configuración de son, inclúe extras que permite xogar, compartir o escritorio ou empregar un taboleiro para tomar notas durante unha chamada; permite controlar Skypecasts e mellora especialmente na súa orientación empresarial con máis compatibilidade, facilidade de instalación e características de seguridade que serán ben recibidas polos administradores de redes corporativas.