Novas actualizacións para o iPhone e o iPod Touch, aínda que para o último será de pago

mércores, 16 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

Jobs presentando as novas aplicacións que se poderán incorporar ó iPod Touch

As novidades relativas ó iPhone é o iPod Touch da presentación realizada por Steve Jobs durante a MacWorld Expo entrou totalmente dentro do predicible, de xeito que, aparte de anunciar que o iPhone está a presentar uns resultados excelentes en vendas quedando nunha segunda posición no mercado dos teléfonos intelixentes nos EE.UU. (só superado polos omnipresentes Blackberry), presentou unha versión nova do firmware do móbil do que xa se coñeceran os detalles na Internet por mor dunha filtración.
Coa actualización o iPhone poderá xeoposicionarse na súa aplicación de mapas mediante a triangulación de antenas de telefonía móbil (o que tamén fan as versións de Google Maps para outros dispositivos móbiles), permitirá ver as letras das cancións reproducidas, mandar mensaxes de texto a múltiples destinatarios, personalizar a pantalla de inicio ou incluír no escritorio do iPhone atallos a páxinas web, ou sexa, unha serie de prestacións que moitos usuarios do móbil de Apple xa tiñan de xeito non oficial.
Para os usuarios do iPod Touch as novidades limitáronse a que as aplicacións Mail, Maps, Stock, Weather e Notes incompresiblemente ausentes do seu escritorio, se poderán engadir mediante unha actualización, que desafortunadamente será de pago (19,99 dólares).