Novas axudas para impulsar proxectos de I+D+i con outras rexións europeas

luns, 8 de setembro do 2025 Redacción

A nova edición de Vinnovate Galicia aprobouse no Consello da Xunta

A Xunta de Galicia vén de aprobar a segunda edición da convocatoria Vinnovate Galicia, unha liña de axudas destinada a reforzar a colaboración interrexional e a presenza internacional da investigación e innovación. Esta iniciativa, promovida pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP a través da Axencia Galega de Innovación, conta cun orzamento dun millón de euros, cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027. O obxectivo é apoiar proxectos de desenvolvemento experimental nos que participen empresas e organismos de investigación de polo menos dúas das 13 rexións implicadas, aliñados coas estratexias de Especialización Intelixente de cada territorio.
Nesta nova convocatoria establécese como requisito que un dos socios sexa unha peme cunha participación mínima do 30 % do orzamento, ampliándose tamén as actividades subvencionables cara á investigación aplicada.
Os consorcios galegos deberán estar formados por entre dúas e catro entidades non vinculadas entre si, das cales unha terá que ser unha peme cunha participación mínima do 30 % no orzamento. As axudas poderán acadar ata 500.000 euros por proxecto, que deberán comezar en 2025 e concluír antes do 30 de setembro de 2028, cunha participación galega mínima de 150.000 euros.
O procedemento de solicitude desenvolverase en dúas fases: ata o 15 de setembro, o líder do proxecto presentará unha proposta inicial á Vanguard Initiative para verificar os requisitos; se o ditame é favorable, a entidade galega deberá formalizar a súa solicitude na convocatoria da Axencia Galega de Innovación, cuxo prazo rematará o 15 de outubro.
As áreas prioritarias desta convocatoria son a bioeconomía, a intelixencia artificial, o hidróxeno, a saúde intelixente e a medicina personalizada, a fabricación avanzada para aplicacións enerxéticas offshore, a produción de alto rendemento con impresión 3D, os novos produtos de base nanotecnolóxica e a fabricación eficiente e sustentable.
As rexións participantes pertencen a oito países: Gelderland e Overijssel e o sur dos Países Baixos (Países Baixos), Lombardía e Emilia Romaña (Italia), Flandres e Valonia (Bélxica), Gales (Reino Unido), Galicia e País Vasco (España), Baixa Austria (Austria), Baixa Saxonia (Alemaña), Norte de Portugal (Portugal) e Nordeste de Romanía (Romanía).