Novo blog sobre o emprendemento na Internet

xoves, 14 de xullo do 2011 Marcus Fernández

Os galegos Jaime G. Novoa (que actualmente traballa en Londres na axencia de marketing en liña We Are Social) e María Encinar (organizadora de eventos como Iniciador Galicia e Startup Weekend) xuntan esforzos e estrean hoxe un blog na páxina web de La Voz de Galicia que baixo o título de EfectoTIC quere facer un achegamento ao emprendemento tecnolóxico, de xeito que recollerá información sobre emprendedores na Internet, os seus negocios, eventos de interese e ferramentas e tendencias que faciliten que os proxectos galegos estean á altura dos de Silicon Valley.
EfectoTIC tamén quere desmitificar ideas sobre os negocios na Internet, como que comezalos é doado, rápido e de balde. Para avanzar nesta materia publicarán entrevistas a emprendedores con historias de éxitos e fracasos dos que agardan que sexa posible extraer un coñecemento valioso.

PUBLICIDADE