Novos auriculares de Oppo con grande cancelación de ruído activa

venres, 28 de maio do 2021 Marcus Fernández

O fabricante chinés Oppo ten xa grande experiencia comercializando auriculares sen fíos, e o seu último produto desta liña, os auriculares Oppo Enco Free2, parecen todo un acerto ao adoptar un formato moi popular e unhas elevadas prestacións a un prezo moi contido (o seu prezo en China é de 599 iuans, o que ao cambio serían 77 euros).
Estes auriculares sen fíos con conectividade Bluetooth 5.2 poden presumir de boa calidade de son e, moi especialmente, dunha cancelación de ruído activa de até 42 dB (os AirPods Pro teñen unha cancelación duns 35 dB), ao que habería que sumar resistencia IP54 e unha autonomía por auricular de até 6,5 horas (até 30 horas se sumamos as recargas ao introducir os auriculares no seu estoxo).
Tamén xoga ao seu favor unha latencia de só 47 milisegundos, a posibilidade de empregalos como disparador remoto da cámara fotográfica do móbil ou incluso un modo transparencia para poder escoitar o contorno sen ter que quitar os auriculares. Integran tres micrófonos para unha mellor captación da voz e para contribuír á supresión do ruído nas chamadas, contando con algoritmos que buscan reducir ao máximo o molesto ruído do vento.
Os Enco Free2 detectan cando están postos, de xeito que ao sacar os auriculares a música detense e, ao volver poñelos, retómase a reprodución. Tamén poden empregarse ambos auriculares en estéreo ou un único auricular para cando queremos deixar un ouvido libre para atender a outras cousas. O seu uso tamén resulta cómodo á hora de conectalo co smartphone, xa que chega con abrir o seu estoxo para realizar a vinculación do móbil cos auriculares.
Polo momento descoñécese cando chegarán a España e o seu prezo, aínda que en vista da cantidade modelos de auriculares de Oppo á venda no noso territorio é de esperar que tarden pouco en pórse á venda (aínda que o feito de que o modelo Enco Free orixinal teña un prezo de 109 euros fai pensar que ese podería ser o prezo que acadaría esta actualización cando chegue ao noso mercado).

Os novos auriculares son compactos, lixeiros (47,6 gramos en total) e cunha boa autonomía

PUBLICIDADE