Novos obradoiros tecnolóxicos na Asociación de Empresarias de A Coruña

martes, 26 de agosto do 2008 Raquel Noya

A partires do vindeiro mes de setembro, a Rede de Dinamización da Sociedade da Información, en colaboración coa Asociación de Empresarias de A Coruña, vai chegar a un total de 52 obradoiros dirixidos a máis de 250 participantes (o 87 por cento mulleres).
Ata o de agora, o número de usuarios rexistrados este ano (ata o mes de agosto), tanto para o uso da aula libre como para participar nos obradoiros da devandita Asociación, foi de 54 persoas (81 por cento mulleres), moitas das cales completaron a súa formación en novas tecnoloxías asistindo a charlas sobre portais empresariais, obradoiros de software libre na empresa e relatorios sobre mensaxería instantánea.
A Rede de Dinamización da Sociedade da Información vén de anunciar que, tanto os obradoiros previstos para o vindeiro mes de setembro como para o de outubro son de balde, e están abertos á participación de calquera persoa interesada.
Asemade, os responsables da iniciativa recordan que a Aula Aberta de informática da Asociación estará dispoñible de 8:30 a 14:30 para acceder libremente a Internet, formarse en liña ou usar distintos programas informáticos.
Os interesados poden realizar a súa inscrición de balde na Asociación de Empresarias da Coruña na Avenida Alcalde Pérez Ardá nº53, baixo ou chamando ao teléfono 981297870.
Tamén poden formalizar a inscrición contactando por correo electrónico.


Os obradoiros previstos para o vindeiro mes de setembro son os seguintes:


2 e 3 DE SETEMBRO de 10,30 a 12,30 “CULTURA POR INTERNET”
Visitaremos os principais museos, bibliotecas e exposicións do mundo
desde a pantalla do noso ordenador.

4 de SETEMBRO de 10,30 a 12,30 “COMO EXERCITAR A MEMORIA POR INTERNET”
Ao rematar este obradoiro coñecerás diversos recursos que existen en
Internet para axilizar a túa memoria.

9,10,11,12 DE SETEMBRO de 10,30 a 12,30 “COCIÑA POR INTERNET”
Crearemos o noso propio libro de receitas facendo uso de Internet, un
editor de texto e plantillas axeitadas para cada prato.

17 DE SETEMBRO de 10,30 a 12,30 “PRENSA,, RADIO E TELEVISIÓN NA INTERNET”
Ollar os principais periódicos do país e estranxeiros, escoitar o noso
programa de radio favorito ou ver a serie que onte non puidemos ver na
televisión nunca foi tan sinxelo.

18,19 DE SETEMBRO de 10,30 a 12.30 “FERRAMENTAS DO BUSCADOR GOOGLE”
Visitar os lugares máis fermosos do mundo, crear un texto, buscar páxinas
web de interese, planificar unha ruta,... son só algunha das opcións que
nos da Google.