O Acer Aspire One preséntase oficialmente

martes, 3 de xuño do 2008 Marcus Fernández

No marco do Computex, Acer confirmou finalmente o que será o seu ultraportátil de baixo custo Aspire One, que contará cun procesador Intel Atom, unha pantalla de 8,9 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, entre 512 Mb e 1 Gb de RAM, disco SSD de 8 Gb ou disco duro de 80 Gb, lector de tarxetas de memoria (5 en 1), batería de 3 ou 6 celas, Wi-Fi (con HSDPA ou WiMAX opcionais), coa posibilidade de adquirirse coa distribución Linpus Linux Lite ou con Windows XP e que se venderá a prezos de entre 300 e 400 euros segundo a súa configuración, polo que sería un forte competidor para o Asus Eee PC 901 (ao mellorar o seu prezo).
A versión con batería de 3 celas tería un peso de só 995 gramos, e paralelamente á súa presentación en Taipei tamén se puido ver en Madrid. Agárdase que a súa chegada a España sexa no mes de agosto, polo que a operación de volta ao colexio podería ser o resorte que dispare as vendas destes ultraportátiles de baixo custo.
Tamén chegará e varias cores: branco, azul, dourado-café e rosa.