O Acer Aspire Predator álzase coma o ordenador perfecto para xogar

mércores, 21 de maio do 2008 Marcus Fernández

Os afeccionados aos videoxogos para PC normalmente teñen que configurar o seu propio equipo para poder gozar dos xogos máis avanzados, e poucos fabricantes pensan neles á hora de deseñar equipos específicos, polo que sorprende que o cuarto vendedor de ordenadores a nivel mundial, Acer, anuncie que vai comercializar en breve o seu Aspire Predator, un equipo de altas prestacións e cunha aparencia agresiva que atraerá a moitos dos seus potenciais compradores.
O Aspire Predator chegará ás tendas en 4 configuracións distintas, aínda que todas elas serán capaces de facer funcionar os xogos máis avanzados que ata o momento hai no mercado, converténdose nunha boa oportunidade para xogadores expertos para renovar o seu equipo.
Aínda non coñecemos o prezo destes novos ordenadores, pero por fortuna España estará entre os primeiros países nos que se comercializará, xunto con Alemaña, Holanda, Bélxica, Gran Bretaña, Italia e Francia.
Esta nova serie funcionará con procesadores Intel Core 2 Extreme ou Core 2 Quad, tarxeta gráfica nVIDIA nForce 780i SLI, ata 8 Gb de RAM, ata 4 discos duros SATA con soporte de RAID, 2 conectores eSATA para ampliar a súa capacidade de almacenamento, ata 2 unidades ópticas (Blu-ray incluído), sintonizadora de televisión, tarxeta de son SoundBlaster X-Fi Platinum e Dolby, 8 portos USB, lector de tarxetas de memoria, Ethernet dual, 2 portos DVI-D, saída de televisión, refrixeración líquida e posibilidade de facer overclocking.