O Álbum de Galicia actualiza a entrada web de Luísa Villalta

xoves, 11 de xaneiro do 2024 S. P.

Silverio Cerradelo vén de achegar unha nova entrada á enciclopedia web de persoas galegas Álbum de Galicia, impulsada polo Consello da Cultura de Galicia. Trátase da entrada da nosa poeta, narradora e dramaturga Luísa Villalta (A Coruña, 1957–2004), a quen a Real Academia Galega lle adica este ano a festividade do Día das Letras Galegas.
Na entrada destácanse as múltiples facetas artísticas e comunicadoras de Villalta, quen salientou como escritora en lingua galega “cunha obra na que cultivou diferentes xéneros, como a poesía, a narrativa ou o teatro”. Ademais, colaborou con diferentes cabeceiras xornalísticas, elaborou traducións e foi tamén violinista. Cun fondo sentido da xustiza e da conciencia social, sobresaíu “pola forza da súa voz” e por estar “sempre do lado das persoas máis desfavorecidas”, subliña Silverio Cerradelo, autor da entrada de Villalta no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), entrada á que hoxe incorpóranse novos recursos e materiais. Con esta actualización, o CCG súmase ao recoñecemento de Luísa Villalta como autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024.
Nada na Coruña, Luísa Villalta Gómez licenciouse en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela e, ademais, cursou unha titulación superior en violín. Formou parte da Orquestra de Santiago de Compostela e da Xove Orquestra de Galicia e, a nivel profesional, deu clase de Lingua e Literatura Galega no ensino secundario.
“Foi unha escritora prolífica e versátil, autora de poesía, narrativa, ensaios, pezas dramáticas e textos xornalísticos en lingua galega”, subliña Silverio Cerradelo na súa biografía. Nela, destaca tamén a participación de Villalta en actividades de índole cultural (seminarios, conferencias e recitais de poesía), así como a súa colaboración en publicacións periódicas. A Nosa Terra, Festa da Palabra Silenciada ou A Trabe de Ouro foron algunhas das cabeceiras nas que publicou artigos, moitos dos cales deixan entrever tanto a propia personalidade da autora como a súa conciencia social. Varias desas colaboracións anéxanse como materiais complementarios na súa entrada do Álbum de Galicia.
Xunto co sentido da xustiza social, “na súa obra tamén estivo presente a consciencia de ser muller, de vivir nunha sociedade onde os homes e as mulleres están marcados de maneira moi diferente polo feito de selo”, continúa Cerradelo. Así mesmo, cómpre destacar o compromiso de Villalta cos dereitos lingüísticos dos galegos e galegas, o que a levou a implicarse en diferentes iniciativas. Neste sentido, formou parte da directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e foi membro activo da Mesa pola Normalización Lingüística.
Ao longo da súa traxectoria, Luísa Villalta alzouse con varios galardóns. A taberna do holandés foi premiada no certame de relatos curtos Modesto R. Figueirido (1990), mentres que o seu poemario En concreto recibiu o XIII Premio Espiral Maior (2004). Postumamente, conseguiu o Premio da Crítica Galega á Creación Literaria (2005) por esa mesma publicación. Na actualización da súa entrada no Álbum de Galicia incorpórase unha relación de todas as obras publicadas pola autora, que faleceu prematuramente en 2004 cando tiña 46 anos de idade e “unha vida chea de ocupacións, proxectos e esperanzas”, conclúe Silverio Cerradelo.

PUBLICIDADE