O Amplificador de son de Android funciona con auriculares Bluetooth

martes, 9 de xuño do 2020 Marcus Fernández

O ano pasado Android incorporou unha aplicación de Amplificador de son que resulta de grande utilidade para persoas con eivas auditivas, xa que aproveita o micrófono do smartphone para captar os sons ao redor do teléfono e amplificalos polos auriculares, podendo así axudar a manter conversas en lugares con moito ruído (achegando o móbil ás persoas ás que se queira escoitar mellor).
Esta aplicación forma xa parte de Android dende a súa versión 9, estando presente a súa configuración dende o menú de accesibilidade, e vén de recibir unha actualización importante que, aparte de funcionar con auriculares con cable, permite agora o seu uso con auriculares Bluetooth, o que pode resultar moi práctico para situacións nas que queira escoitarse mellor fontes sonoras que estean a certa distancia, como pode ser o caso de, por exemplo, televisores. Así, se queremos escoitar mellor o televisor chega con abrir a aplicación de Amplicador de son, colocar o smartphone ao seu carón e empregar auriculares sen fíos para recibir o son cos axustes propios desta aplicación (que conta con axustes para reducir o ruído ambiental). Un escenario que incluso pode resultar práctico para xente sen problemas de audición, aínda que cómpre advertir que o procesado do son provoca un lixeiro retardo.

JPEG - 92.1 KB
Utilizar auriculares Bluetooth para amplificar o son recibido polo micrófono do smartphone é unha funcionalidade moi práctica

PUBLICIDADE