O Apple TV permitirá alugar películas directamente

mércores, 16 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

Apple vén de actualizar a súa oferta audiovisual incorporando o aluguer de películas á tenda iTunes, de xeito que por entre 2,99 e 4,99 dólares se pode descargar unha versión protexida con tecnoloxía DRM dos títulos dos principais estudos cinematográficos (20th Century Fox, Disney, Warner, Paramount, Universal, Sony, MGM, Lionsgate e New Line) para a súa visualización dende Mac, PC, reprodutores iPod con soporte de vídeo, o iPhone ou o dispositivo Apple TV, que tamén se renova.
Os prezos do aluguer de películas é de 2.99 dólares por títulos de catálogo e de 3,99 dólares para as estreas, prezos ós que haberá que engadir 1 dólar se as queremos ver en alta definición (cunha resolución máxima de 1.280 x 720 píxeles, o que decepcionará a moitos).

Será posible ver imaxes gardadas en Flickr a través do Apple TV

A actualización de Apple TV permitirá que as compras e alugueres de películas non se teñan que facer exclusivamente dende o ordenador, de xeito que os usuarios poderán alugar películas dun catálogo de máis de 1.000 títulos dende a comodidade do seu salón, valéndose do mando a distancia do seu Apple TV.
Pero o novo Apple TV non se quedará nas prestacións máis mercantís, senón que tamén permitirá acceder a podcasts de audio e vídeo, as fotografías almacenadas en Flickr e .Mac, e mesmo a YouTube.