O Blu-ray podería morrer nun ano

mércores, 29 de outubro do 2008 Marcus Fernández

O pasado mes de febreiro Toshiba decretou a morte do HD DVD, constatando oficialmente que o Blu-ray gañaba a guerra dos discos de alta definición, pero o analista Robin Harris sostén agora que o formato defendido por Sony tamén está nunha espiral que o levará á súa morte, augurando que en cousa de 12 meses quedará coma un produto para amantes do vídeo (como pasou no seu día co Laserdisc) e non chegará a converterse nun produto do mercado de consumo.
Esta afirmación podería parecer peregrina se non viñese acompañada por moitos argumentos, xa que na actualidade apenas o 4% das películas que se mercan nos EE.UU. están en alta definición, os reprodutores de Blu-ray apenas van máis aló do integrado na PS3, estamos nun panorama económico pouco favorable e o público non está interesado nas vantaxes que o Blu-ray trae con respecto do DVD, o que podería facer que este soporte seguise os pasos do Betamax, o Minidisc, o Laserdisc ou o DVD-Audio.
Harris lembra que hai 16 meses xa aseguraba que a guerra da alta definición se decantaría a favor do Blu-ray, pero agora rectifica e considera que tal guerra non terá vencedores.
O alto prezo das películas e dos reprodutores de Blu-ray (que continúan a estar fóra do alcance do consumidor medio) non son os únicos detalles a ter en conta ao asinar a acta de defunción do formato, pois tamén hai quen apunta que as licenzas aplicadas no Blu-ray o fan un soporte inaccesible para pequenos produtores, os discos gravables non funcionan en moitos dos reprodutores, os discos virxes teñen un prezo elevadísimo (preto dos 10 euros por un disco de 25 Gb), as aplicacións para realizar a autoría de discos Blu-ray teñen prezos desorbitados (uns 40.000 dólares) e os editores teñen que pagar milleiros de dólares para incorporar tecnoloxía anti-copia nos seus produtos (e mesmo por incorporar o logotipo de Blu-ray nos discos).
A situación actual non se correspondería coa estratexia inicial do formato, que buscaba popularizarse a grande velocidade (o que tamén podería afectar á política de prezos) pero o futuro do Blu-ray vese moi negro, e Robin Harris considera que para a supervivencia do formato é preciso que a industria sexa consciente que os consumidores non precisan do Blu-ray (pero o mercarían se tivese un bo prezo), que saiban que todo o que gastaron ata o momento no Blu-ray é a fondo perdido, que os usuarios medios poderían mercar un reprodutor de Blu-ray por 50 dólares (pero non pagarían os centos de dólares que custan actualmente uns dispositivos que incluso teñen un funcionamento bastante deficiente) e os beneficios das vendas por discos Blu-ray non poden ser superiores que os do DVD (e incluso deberían ser inferiores) e de non modificar a política de prezos se estaría a remitir aos consumidores a servizos de descarga de contidos, o que cambiaría de mans o negocio da distribución.
Entendemos que todo o que argumenta Harris é moi razoable, e incluso no caso de que a Industria reaccione, resultará moi difícil que o Blu-ray poida manterse a longo prazo, pois ten moitas bazas para ser o novo Laserdisc, por desgraza dos consumidores, que perderon a confianza nos discos de alta definición por mor da guerra de formatos.