O CDTIC acollerá unha sesión sobre as axudas de Red.es para o sector do videoxogo

luns, 7 de maio do 2018 Redacción

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da AMTEGA acolle, o día 9 de maio, de 10:00 a 12:00 horas, unha sesión informativa sobre a recente convocatoria de axudas para o sector do videoxogo, financiadas con cargo ao Programa Operativo 2014-2020 dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
O Programa de impulso ao sector do videoxogo, posto en marcha polo Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, está dotado con 5 millóns de euros, o que permitirá mobilizar un total de 6,25 millóns de euros, xa que o importe de cada axuda representará o 80% do orzamento ata un máximo de 150.000 euros por beneficiario e un mínimo de 20.000.
A sesión informativa estará dirixida polos responsables da Dirección de Economía Dixital de Red.es, que lles explicarán ás persoas asistentes o procedemento de concesión de axudas, o tipo de actuacións subvencionables ou as características que deben ter os potenciais beneficiarios, pequenos estudios independentes, cunha antigüidade mínima de seis meses e que conten entre o seu persoal con profesionais con experiencia previa no desenvolvemento de videoxogos que xa foran publicados.
Para participar na xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.
A organización da sesión corre a cargo de Red.es, unha entidade pública empresarial dependente do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, que desenvolve programas de impulso da economía dixital, a innovación, o emprendemento, a formación para xente nova e profesionais e o apoio á PEME mediante o fomento dun uso eficiente e intensivo das TIC.

PUBLICIDADE