O CESGA achega infraestrutura para o deseño da nanotecnoloxía clave nas comunicacións ópticas
xoves, 31 de xaneiro do 2013
Temos no panorama de investigación internacional un
novo (e innovador) desenvolvemento que conta con mans e tecnoloxía
galegas, máis polo miúdo as do Centro de Supercomputación de
Galicia (CESGA) e máis a Universidade de Vigo. En detalle, trátase
dun nanolink (nanotecnoloxía, ciencia do miúdo, ao servizo
das comunicacións) con capacidade para despexar atrancos na
obtención do máximo rendemento posible dos nanochips, os
futuros circuítos integrados ópticos. Este nanolink, en cuxo
desenvolvemento participa o CESGA
achegando estrutura para o seu deseño, resolverá por fin os
problemas de interconexión e quecemento dos nanochips,
proceso que se debe sobre todo á inclusión no seu de guías que
basicamente perden enerxía e ocupan espazo de máis.
A resposta a todo isto, segundo sinala o CESGA, está
nas ligazóns con nanoantenas ou nanolinks.
Este tipo de
ligazóns proveñen do eido das telecomunicacións en radiofrecuencia
e microondas, pero vense de descubrir que teñen un gran potencial
neste outro ámbito das comunicacións ópticas. Segundo explica o
centro galego de I+D, “o gran desafío para a súa aplicación a
estas frecuencias, a parte das dificultades tecnolóxicas da súa
fabricación, radica no comportamento electromagnético plasmónico
que posúen os nanomaterias ao interactuar coa luz”.
Este comportamento, polo visto, é moito máis complexo
do que posúen os mesmos materiais a frecuencias convencionais. Neste
senso, as Universidades de Estremadura e Vigo demostraron que,
calculando a resposta plasmónica de forma exacta con ferramentas de
simulación electromagnética rigorosa e o uso de supercomputadores,
a teoría electromagnética clásica e os coñecementos adquiridos ao
longo de décadas de desenvolvemento no ámbito da radiofrecuencia e
os microondas poden ser aplicados ao deseño de novas aplicacións
nanotecnolóxicas. A aplicación utilizada para iso, HEMCUVE++, foi
desenvolvida de forma continuada polas Universidades de Estremadura e
Vigo ao longo de máis de 13 anos. Esta ferramenta, engade o CESGA,
“ten a calidade fundamental de combinar unha elevada exactitude
nos cálculos coa utilización eficiente de grandes
supercomputadores; por este motivo, en 2009 as ditas institucións
educativas foron galardoadas con dous prestixiosos premios pola súa
contribución á introdución da supercomputación no
electromagnetismo”. Nesta ocasión, empregouse o
supercomputador estremeño Lusitania, do CénitS, e o supercomputador
Finisterrae, do CESGA, para o deseño dos distintos compoñentes da
nanoligazón óptica. O traballo orixinal atópase dispoñible a
través da ligazón j.mp/nanolink.
