O CITIC acolle o curso para a obtención da microcredencial da IA e procesos de produción e loxística

mércores, 4 de marzo do 2026 S. P.

A Universidade da Coruña ten aberto o prazo de preinscrición da microcredencial IA aplicada ao control e mellora de procesos de produción e loxística, unha formación práctica dirixida a profesionais que desexen incorporar a intelixencia artificial á xestión operativa das súas organizacións.
O programa desenvolverase do 8 ao 30 de abril de 2026, en horario de tarde, combinando sesións teóricas online síncronas con prácticas presenciais na sede do CITIC, no Campus de Elviña (A Coruña); e será impartido por persoal docente da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF). A microcredencial ofrece unha visión aplicada da IA no ámbito produtivo e loxístico, abordando cuestións clave como a previsión da demanda, a optimización de inventarios, a simulación de procesos, a automatización de tarefas de xestión e a análise de datos para a toma de decisións.
Con metodoloxía eminentemente práctica, o alumnado traballará con ferramentas accesibles como Excel, solucións de simulación e optimización, ferramentas Microsoft e IA xenerativa, sen necesidade de coñecementos avanzados de programación.
A actividade está especialmente dirixida a profesionais de industria e produción, incluíndo persoas responsables de operacións, planificación e mellora continua. Tamén se orienta á loxística e á cadea de subministro, así como a pemes e organizacións interesadas en incorporar intelixencia artificial aplicada aos seus procesos.
A microcredencial, de 30 horas de duración, estrutúrase en catro semanas ou bloques formativos. O primeiro bloque, Fundamentos de optimización en produción, desenvolverase os días 8, 9 e 10 de abril. O segundo, Inventarios, planificación e IA aplicada, celebrarase os días 16 e 17 de abril. O terceiro bloque, Loxística intelixente e análise operativa, celebrarase os días 23 e 24 de abril. Finalmente, o cuarto bloque, Automatización e control dixital, impartirase os días 28, 29 e 30 de abril.
As sesións presenciais estarán centradas na resolución de problemas reais, no desenvolvemento de modelos e na construción de solucións con aplicacións directas na contorna profesional.
O curso está dirixido por Javier Pernas Álvarez e co-dirixido por Rosa Ríos Prado, xunto cun equipo docente formado por profesorado universitario e profesionais con ampla experiencia en optimización, simulación, loxística e IA aplicada á enxeñaría e á toma de decisións.
Prazos
O prazo de preinscrición estará aberto do 23 de febreiro ao 15 de marzo de 2025, e o de matrícula do 16 ao 29 de marzo de 2025. A formación está dirixida a persoas de entre 25 e 64 anos e conta cun prezo subvencionado de 85 euros, grazas ao financiamento do Plan Microcréditos do Ministerio de Universidades no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e dos Fondos Europeos Next Generation EU. O custe sen subvención é de 280 euros.