O CITIC organiza o día 15 o Foro Internacional de Mercadotecnia Exterprise

mércores, 8 de xullo do 2015 Redacción

Manuel González Penedo, coordinador do CITIC

O centro tecnolóxico CITIC infórmanos dunha nova cita profesional dentro do seu programa de actividades dirixidas a fortalecer a transferencia tecnolóxica (o fluxo de achados e proxectos dende os centros de I+D e tecnolóxicos cara as empresas da contorna, favorecendo a colaboración e a retroalimentación). Trátase do Foro Mercadotecnia Exterprise, unha nova actividade do CITIC organizada conxuntamente co Posgrao de Xestión Empresarial da Innovación e o Clúster TIC Galicia e desenvolvida baixo o seguinte epígrafe: Internacionalización e Comercialización de Tecnoloxía.
O obxectivo do encontro, que terá lugar na mañá do mércores 15 de xullo, é presentar as últimas novidades no ámbito dos sistemas de transferencia e o camiño cara á comercialización e a mercadotecnia no sector da I+D+i. O foro contará coa presenza do profesor Juan Sánchez, vicerreitor de Investigación da Universidade de Austin, Texas (EE UU) e director do IC2 Institute (Innovation, Creativity, Capital).
Como dixemos, a xornada diríxese a empresas, investidores do ámbito da I+D+i, persoal investigador, tecnólogos e estudantes de posgrao. Está financiada polo IGAPE -dentro da Estratexia de Internacionalización de Galicia e polo Convenio de Colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Universidade da Coruña-, e o prazo de inscrición ficará aberto ata o luns 13 de xullo. Os interesados poden inscribirse nun formulario específico habilitado na web do CITIC. A continuación, damos conta do programa.
· 10:00h: Rexistro de asistentes, benvida e apertura
Manuel González Penedo. Coordinador CITIC
Andrés Faíña Medín. Posgrao en Xestión Empresarial da Innovación e Cátedra Jean Monet de Economía Industrial Europea da Universidade da Coruña
Anxo Calvo Silvosa. Decano da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña
· 10:30h: Relatorio Transferencia e saída ao mercado da tecnoloxía
Juan Sánchez. Vicerreitor de Investigación da Universidade de Texas e titular da Cátedra Amorne Foundation Endowed.
· 11:30h: Café
· 12:00h: Foro de Investidores TIC
· 13:00h: Reunións bilaterais