O CNTG e a Rede CeMIT levan os seminarios técnicos do centro a toda Galicia
luns, 6 de abril do 2015
A
Rede CeMIT inicia esta semana unha nova andaina comunicativa, co
obxectivo de levar a todos os recantos, en tempo real e por
videconferencia, as actividades técnicas que se desenvolven no
Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia. Esta
adaptación da Rede como prolongación integral do CNTG e dos seus
seminarios formalizarase este martes 7 de abril, coa achega da
Xornada Enfoques metodolóxicos para a xestión de proxectos:
comparativa PMI, Prince2 e ISO 21500. O obxectivo desta
colaboración entre a Rede de Aulas CeMIT e o CNTG non é outro que
“descentralizar actividades e ampliar a posibilidade de asistencia
e participación a todas aquelas persoas interesadas, con
independencia do lugar no que residan”.
Ademais,
quérense evitar desprazamentos ou imposibilidades de asistencia
debido a distancias físicas. O acceso a estes seminarios realízase
cunha inscrición previa a través do portal
web do CNTG ou da web da Rede
CeMIT, no caso de que vaiamos seguilos a través de
videoconferencia. Os seminarios son de balde, condicionados ao aforo
do local. O CNTG enviará un certificado por correo postal a todas as
persoas que completen a súa asistencia.
Como
dixemos, o primeiro destes seminarios é Enfoques metodolóxicos
para a xestión de proxectos: comparativa PMI, PRINCE2 e ISO 21500,
e desenvolverase este 7 de abril no CNTG, en horario de 09:30 a 13:30
horas. Poderá ser seguido nas Aulas CeMIT de Abegondo, A Cañiza,
Celanova, Cuntis, Oroso, O Vicedo, Pontevedra, Tomiño, San
Sadurniño e Vigo.
Na
xornada, informa o CNTG, presentaranse os diferentes enfoques
metodolóxicos existentes para a xestión de proxectos tecnolóxicos
e innovadores nunha empresa. Explicaranse as principais
características de cada un deles a través dunha comparativa sobre o
ámbito de aplicabilidade das distintas referencias (guía de PMBOK,
Prince2 e a ISO 21500) amosando aos/ás asistentes como utilizalas
nas diferentes tipoloxías do ciclo de vida dos proxectos. O relator
da xornada será Alfred Maeso, especialista en xestión de proxectos
e análise de negocios na empresa Netmind con máis de 10 anos de
experiencia no devandito tipo de xestión e en consultoría e
servizos TI para diferentes organizacións.
Dentro
da planificación de actividades do CNTG está previsto celebrar na
primeira quincena de maio outros 3 novos seminarios que se ofertarán
ás Aulas CeMIT interesadas en participar:
-
5 de maio:
Tendencias Lean Kanba para a mellora de xestión de proxectos e
servizos IT
-
7 de maio:
Administración avanzada de MySQL
-
12 de maio:
Seminario versado en PHP