O CPEIG organiza unha xornada sobre ciberdelincuencia no ámbito empresarial

luns, 19 de maio do 2025 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Comisaría da Policía Nacional de Santiago celebrarán este mércores, 21 de maio, unha xornada centrada na loita contra os ciberdelitos que afectan ás empresas. A cita será no Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apoio á Empresa (CERSIA), entre as 10:30 e as 12:00 horas.
O encontro contará co presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o inspector xefe da Policía Nacional, Santiago Reboyras, quen impartirán unha charla dirixida a empresarios, responsables de sistemas, persoal administrativo e outros profesionais vencellados á xestión dixital nas organizacións.
Segundo destacan os organizadores, as empresas son hoxe obxectivos prioritarios para os ciberdelincuentes, que empregan estratexias como o fraude do CEO, o empregado fiel, o ransomware ou o Business Email Compromise, así como outras técnicas de enxeñaría social, que poñen en risco a continuidade e reputación dos negocios.
A xornada pretende achegar información clara sobre os principais tipos de ciberdelitos no ámbito corporativo, poñendo o foco na importancia da prevención, a detección temperá e unha resposta adecuada fronte ás ameazas dixitais. «A prevención e detección de ciberdelitos, e a resposta a dar ante ameazas dixitais son as claves que deben manexar as empresas para protexerse de posibles delitos dixitais», afirma Fernando Suárez.
Durante o evento exporanse casos reais con impacto legal, económico e reputacional, e explicaranse medidas prácticas de prevención e protocolos de actuación que permitan reforzar a seguridade nas contornas empresariais.