O CPEIG outorga o XV Premio Traballo Fin de Máster a Manuel Framil

xoves, 13 de xuño do 2024 S. P.

Manuel Framil

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai outorgar o Premio Traballo Fin de Máster en Enxeñaría Informática a Manuel Framil de Amorín (Bueu) polo seu proxecto de análise, deseño e implementación dunha solución de monitorizaxe de logs en Azure e AWS para optimizar o uso de funcións serverless. Os finalistas foron Adrián Xuíz, pola ferramenta VirManDC de monitoraxe de centros de datos mediante tecnoloxía holográfica, e Diego Ramil, que creou unha aplicación para extraer información do videoxogo Temtem e visualizalo a través dun mapa interactivo.
O Colexio profesional busca achegarse con este premio ao colectivo estudantil, promover as vantaxes da colexiación e estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación, ao que se engade unha gratificación económica de 1.000 euros para a persoa gañadora. A avaliación dos traballos presentados, todos eles correspondentes ao fin de mestrado dos anos 2022, 2023 e 2024, correu a cargo dunha comisión experta integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades galegas. Os tres finalistas da presente edición realizaron os seus Traballos de Fin de Máster na Universidade da Coruña (UDC).
O enxeñeiro en Informática pola UDC, Manuel Framil de Amorín (Bueu, 1999), que actualmente é director de Operacións en Torus Software Solutions, presentou o seu TFM Análise, deseño e implementación dunha solución de monitorización de logs en Azure e AWS para optimizar o uso de funcións serverless en 2023. O obxectivo principal do proxecto foi mellorar a produtividade á hora de traballar con tecnoloxías serverless (traballar sen servidor físico, pero si con servidor na nube), en especial con FaaS, para o cal se desenrolou a ferramenta BDWatchdogFaaS. Manuel Framil explica que a computación na nube é “un paradigma da computación que se popularizou na última década, e consiste en que os recursos e servizos informáticos son consumidos baixo demanda a través de Internet”. Dentro do ecosistema da nube, Framil sinala que nos últimos anos naceu un modelo chamado Funcións-como-Servizo (Functions-as-a-Service, coñecido como FaaS) que permite executar pequenos fragmentos de código sen necesidade de aprovisionar a infraestrutura subxacente, nun modelo de pago por uso.
Así, o enxeñeiro en informática apunta que os principais provedores de nube pública desenvolveron as súas propias implementacións propietarias de FaaS, o que provoca que cada unha das solucións teña características diferentes ao resto, causando que sexa moi custoso cambiar de provedor de nube (vendor lock-in) e dificultando en gran medida a monitoraxe en entornos multi-cloud, é dicir, ecosistemas con máis dun provedor de nube, problemática que se intenta resolver neste proxecto.
Este traballo está enmarcado dentro do proxecto PICSA (Productivity Increase by Cloud Serverless Automation). PICSA pretende continuar a liña de investigación doutros proxectos anteriores levados a cabo polo Grupo de Arquitectura de Computadores (GAC) da UDC, durante os cales se desenvolveron, entre outras, a ferramenta BDWatchdog, unha solución de monitoraxe e profiling de aplicacións Big Data en entornos Hadoop.
O obxectivo do proxecto era estender a ferramenta BDWatchdog para poder monitorizar FaaS en entornos cloud, para o cal desenvolveuse unha ferramenta de seguimento de FaaS, chamada BDWatchdogFaaS, que actúa como middleware para procesar en tempo real os rexistros xerados polas funcións de Amazon Web Services e Azure, permitindo a supervisión das funcións desde un cadro de mandos en PowerBI Service. Para isto, a ferramenta consume os logs de ambos provedores de nube e constrúe un modelo común para os rexistros de AWS Lambda e Azure Functions, que logo será explotado para obter estatísticas relevantes sobre as execucións realizadas. Ademais, esta ferramenta foi publicada cunha licencia libre no Repositorio de Aplicacións Serverless de AWS (SAR), o que permite que sexa despregada rapidamente e de maneira automática polo usuario final. A ferramenta BDWatchdogFaaS foi presentada no XoveTIC 2023, unha conferencia organizada polo CITIC (Centro de Investigación en TIC) de Galicia.
Finalistas do Premio TFM

Adrián Xuíz García

Nesta décimo quinta edición do galardón foron finalistas Adrián Xuíz García, como segundo clasificado, e Diego Ramil Lóez, como terceiro, ambos da UDC. O proxecto do enxeñeiro en Informática Adrián Xuíz García (A Coruña, 1997), titúlase VirManDC: Ferramenta de monitorización de centros de procesamento de datos mediante tecnoloxía holográfica. Adrián Xuíz sinala que a monitoraxe dos Centros de Datos (CPD) é unha das principais tarefas dos administradores de sistemas, sendo necesaria unha supervisión constante para tratar de detectar e corrixir canto antes calquera incidencia que se poida producir. Engade que esta xestión dos activos dun CPD adoita implicar unha alta dedicación horaria e, na maioría de casos, require de atención in situ, ademais dun bo coñecemento da estrutura e organización do CPD. Con todo, Xuíz explica que as características ambientais dun CPD, cunhas condicións de temperatura e humidade baixas para o funcionamento óptimo dos equipos e cuns niveis de ruído elevados, fan que sexa recomendábel reducir ao máximo posíbel as estancias do persoal técnico no seu interior. “As tecnoloxías holográficas máis modernas permiten mostrar e, mesmo interactuar cos elementos virtuais, dotando á contorna virtual de realismo e inmersión. Estas características fan das plataformas de realidade aumentada e virtual unha ferramenta nova cun gran potencial que xa se utiliza actualmente en ámbitos médicos, enxeñería naval, mecánica e industrial”, argumenta Xuíz.
Así, o obxectivo principal deste traballo é a implementación dunha aplicación de monitoraxe dun CPD empregando como dispositivo holográfico as lentes de realidade mixta Microsoft HoloLens 2. Para iso, o enxeñeiro en Informática destaca que se representará holograficamente o CPD tal e como é na realidade, permitindo imitar a localización real do sitio de traballo e facilitando a comprensión do técnico en canto á posición dos servidores supervisados. Ademais, apunta que se poderá interactuar co modelo virtual e acceder a cada servidor físico por separado, permitindo mostrar ao usuario unha gran cantidade de información útil sobre o estado dese servidor en tempo real, e mesmo mostrando os datos correspondentes a cada servidor virtual asignado a unha máquina específica. Por último, Xuíz subliña que será posíbel realizar diferentes accións de utilidade técnica sobre os propios servidores, como conectarse por protocolo seguro de comunicación para a execución de comandos ou enviar un sinal de reinicio á máquina.
O proxecto, defendido no ano 2023, publicouse coma software libre grazas aos consellos e axuda dos membros do Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL). Ademais, conta cun repositorio público, con guías, documentación detallada, vídeos de mostra e con publicacións en distintas redes sociais, co obxectivo de achegar unha aplicación novidosa e útil para a mellora do traballo do persoal técnico. Tivo o recoñecemento do tribunal de TFMs da UDC, que outorgou o máximo valor ao proxecto (MH).

Diego Ramil

Finalmente, Diego Ramil (Lugo, 1998) foi o terceiro clasificado polo seu proxecto da Ferramenta informática que permite extraer información do videoxogo Temtem para a súa visualización a través dun mapa interactivo. Co crecente auxe dos videoxogos, Diego Ramil explica que Temtem destacouse como un xogo de rol multixogador masivo en liña. Lanzado en setembro de 2022 e desenvolvido polo estudo español Crema, este xogo gañou rapidamente popularidade grazas ao seu estilo semellante ao da aclamada franquía Pokémon. Ramil destaca que neste tipo de xogos a orientación desempeña un papel importante, xa que saber localizar con precisión onde están diferentes elementos “vólvese completamente necesario para abordar a aventura e evitar posíbeis frustracións”. Con todo, o enxeñeiro apunta que Temtem carece dunha característica interna que facilite esta tarefa, o que leva a moitos xogadores a recorrer a ferramentas externas para obter esta información.
Dada a necesidade de mellorar a experiencia de xogo e tendo en conta o panorama actual, que é relativamente limitado debido ao pouco tempo que pasou desde o seu lanzamento, Ramil explica que xurdiu a oportunidade de explorar a súa aplicabilidade no desenvolvemento móbil, especialmente desde o punto de vista dun mapa interactivo. “Este é un nicho de mercado aínda sen explorar, xa que as ferramentas existentes están deseñadas principalmente para o seu uso na web”, lembra.
En resposta a esta necesidade, o seu TFM desenvolveu dúas aplicacións: unha de escritorio e outra móbil. Entre os principais desafíos que enfrontaban as ferramentas no estado da arte estaba a falta de actualizacións frecuentes, o que resultaba en información incompleta ou incorrecta para os xogadores. Polo tanto, un dos obxectivos que se acadaron co TFM foi a realización dunha exploración periódica e automatizada da wiki de Temtem, coa finalidade de obter os datos necesarios para as aplicacións de escritorio e móbil.
Ademais, dada a natureza na que se pretendía amosar a información, outro obxectivo importante foi a xeración dun mapa integral do universo de Temtem. Para isto, desenvolveuse un sistema de zoom profundo para a composición e visualización dinámica de mapas formados por teselas.
O galardón entregarase na XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia do CPEIG que se celebrará o 21 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago.

PUBLICIDADE