O CPETIG organiza un congreso de xestión de proxectos de software

martes, 18 de abril do 2017 Marcus Fernández

O vindeiro 11 de maio vai ter lugar no Edificio CINC da Cidade da Cultura o congreso de xestión de proxectos de software #SilverBullet17, organizado polo CPETIG e a AMTEGA co propósito de converterse nunha xornada de referencia no eido da xestión de proxectos. Está concibido como un foro de discusión e debate dirixido a empresas e profesionais vinculados á xestión de proxectos de software, expertos, investigadores e docentes implicados na formación de futuros profesionais na área.
#SilverBullet17 xuntará a oferta e a demanda do sector nun espazo de encontro para propiciar un intercambio de información, favorecendo a adquisición de habilidades de comunicación, xestión de recursos humanos e liderado, amais de contribuír a amosar as tendencias metodolóxicas no eido da xestión de proxectos software.
Intervirán como relatores algúns dos máis relevantes profesionais do panorama actual. Na sesión de mañá tomarán a palabra José Luis Iparraguirre, director de IAL Software Engineering; Carlos González Jardón, consultor de Xestión de Proxectos en Tecnocom; e Javier Garzás, mentor áxil e experto en xestión de proxectos e equipos; para rematar cunha mesa de debate moderada por Susana Gómez Carnero, CEO en Origami Soluciones e directora executiva de BNI Galicia. Os relatores previstos para a sesión de tarde son Javier Cebreiros, socio do espazo de innovación social Impact Hub Vigo e da empresa InfoJC; e Jaume Gurt, director de Organización e Desenvolvemento de Persoas en Schibsted Spain, que xestiona os portais Infojobs, Fotocasa, Vibbo, Coches.net e MilAnuncios.
O nome do congreso #SilverBullet17 fai referencia a un coñecido antipatrón da área de xestión de proxectos, a bala de prata, mencionada inicialmente polo enxeñeiro de software Frederick P. Brooks en 1987 e que alude á inexistencia de metodoloxías, ferramentas ou solucións milagreiras que permitan que un proxecto que xa se converteu nun monstro polos retrasos, os custos, a calidade, etc. volva ser un proxecto ben xestionado, algo que unicamente se podería facer cunha bala de prata.
Durante a sesión porase o foco nos tres factores que representan esa bala de prata: o traballo continuo desde o inicio do proxecto, a aplicación de metodoloxías adecuadas e o coñecemento sobre a xestión de proxectos.

Asistencia de balde para colexiados e precolexiados

No marco da conmemoración do X aniversario do CPETIG, a asistencia a #SilverBullet17 será de balde para colexiados e precolexiados. Para formalizar a súa participación, deberán realizar a súa inscrición na web e posteriormente a cota de asistencia seralles reembolsada, ben aplicando un desconto sobre as próximas cotas de colexiación ou por transferencia nos casos de precolexiados ou colexiados con exención de cota por desemprego.