O Campus Tecnolóxico da USC mergullará á rapazada na investigación oceánica e aeroespacial

mércores, 12 de xuño do 2024 S. P.

Coa chegada do verán tamén chegan os campamentos para a rapazada, a segunda edición do Campus Tecnolóxico de Play Code Academy na Universidade de Santiago de Compostela anuncia o seu lema ao máis estilo Xulio Verne: Viaxe ás Profundidades. O obxectivo deste programa é promover as habilidades tecnolóxicas da mocidade, “brindándolles unha experiencia educativa única nos campus de Santiago e Lugo”, explican dende a organización.
Organizado por especialistas en enxeñaría e educación, o Campus levarase a cabo en dúas quendas que se estenderán do 24 ao 28 de xuño e do 1 ao 5 de xullo na Escola Técnica Superior de Enxeñaría do Campus de Santiago e na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo.
Indo á actividade, dicir que está encamiñada a cativada de entre 6 e 16 anos, achega diversos obradoiros deseñados para explorar varias facetas da tecnoloxía: dende a programación de drons até a fabricación dixital con impresoras 3D, nos que as persoas participantes terán a oportunidade de mergullarse no mundo da tecnoloxía.
Nesta segunda edición, o campus abrangue as profundidades do océano, ofrecendo á rapazada unha viaxe temática chea de desafíos técnicos e misións por resolver. Amais de aprender sobre novas tecnoloxías, o alumnado terá a oportunidade de colaborar, construír e compartir ideas mentres exploran a linguaxe do futuro: a programación. Os obradoiros incluirán actividades como: programación de wearables con Micro:Bit, deseño e pilotaxe de drons, construción e programación de robots con Lego e Arduino, así como a creación de sistemas domóticos para unha estación submarina. Ademais, presentaranse talleres innovadores de programación, xunto cunha introdución ao mundo do Machine Learning.
O horario dos obradoiros será de 9 a 14 horas, de luns a venres, con opción de madrugadores dende as 8 horas e de comedor até as 15 horas. A inscrición pode formalizarse en liña a través das webs dos campus en Santiago e Lugo.

PUBLICIDADE