O Campus de Ferrol amosa todo o potencial do Máster de Videoxogos no Mad Games Show en Madrid
luns, 17 de xuño do 2024
O Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, titulación que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da UDC desde o curso 2018/19, contou cun espazo de seu no stand que a Universidade da Coruña habilitou na primeira edición da Mad Games Show, un evento organizado pola Asociación Española de Videojuegos (AEVI) e o equipo que lidera a IndieDevDay de Barcelona en colaboración co Ministerio de Cultura.
O Centro de Creación Contemporánea Matadero Madrid acolleu esta fin de semana unha feira dedicada ao desenvolvemento de videoxogos con conferencias, mesas redondas, áreas de exhibición de xogos independentes (IndieDevPlay), espazos de networking e B2B (Spain Video Games Investment Summit). O evento estivo aberto a profesionais e a alumnado do sector, así como ao público xeral interesado.
No marco da Mad Games Show e baixo o paraugas do Campus Industrial de Ferrol, o alumnado do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos amosou os seus proxectos no stand da Universidade da Coruña.
Así o estudo Nameless presentou What the Hell, un xogo de desprazamento lateral con elementos de plataformas, acción 2.5D e crebacabezas ambientado nos infernos de Dante. Detrás deste título está o alumnado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Lara Fernández Romero, Manuel Fernández Veiga, Natalia Froiz Míguez, Miguel González Obenza, Paula Martínez Taboada, Teresa Pecker Gayarre, Albert Ramírez Rivero e Alberto Tajuelo Real.
Pola súa banda, o estudo Piña Colada deu a coñecer os detalles de Platyfrog, un xogo de aventuras e plataformas 3D onde un ornitorrinco chamado Firu e unha ra de nome Ben, integrantes de dúas civilizacións rivais que terán colaborar para sobrevivir. Integran o equipo de traballo os tamén estudantes do Campus Industrial de Ferrol Laura Bey Senra, Andrea Fernández Mariño, Álvaro Hayek Alfonso, Sofía Pelegrín Mellado, Paula Portal Ruíz, Anllelo A. Reina Montañez, Viviana Rodríguez Domínguez e Eduard A. Sánchez Maya.
A UDC lembrou que esta non é a primeira vez que o alumnado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) presenta en público os seus proxectos. O pasado mes de xaneiro amosaron as demos dos seus videoxogos no stand que a Universidade da Coruña tivo na III Xornada de Innovación e Movemento Maker (InnovAmes) organizada polo Concello de Ames xunto coa Maiker Faire Galicia.
A maiores, no mes de maio, presentaron os seus proxectos no marco da III Xornada Power Up Videoxogos Aplicados e Persuasivos que organiza o Campus Industrial da Universidade da Coruña en colaboración coa Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e participaron na Feira Expotaku da Coruña.
A coordinadora do Mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, Luz Castro Pena, xunto coa alumna desta titulación do Campus Industrial de Ferrol, Teresa Pecker Gayarre.