O Campus de Ourense acolle hoxe unha xornada para conmemorar a Rede 2.0 e as Letras galegas
mércores, 14 de maio do 2008
Hoxe, o salón de actos da Escola Superior de Enxeñería Informática do Campus de Ourense acolle ó longo de todo o día unha xornada encamiñada a celebrar dous acontecementos: por unha banda a rede participativa e, pola outra, a concorrencia nela das nosas Letras. Os encontros 2.0 A nova Ágora Galega desenvólvense a partir das 9.15 e contarán coa participación de Javier Franco (director de Área de TICs da USC), de Helena Veiguela (directora xeral da Sociedade da Información), de Víctor Manuel Carneiro e de Anxo Manuel Sánchez (vicerreitores de Calidade e Novas Tecnoloxías da UDC e da Universidade de Vigo, respectivamente).
Máis polo miúdo, as xornadas 2.0 A Nova Ágora Galega estarán dedicadas ás aplicacións das redes sociais e en xeral ás tecnoloxías da web 2.0, que están a provocar, en opinión dos organizadores, un salto de enorme magnitude no uso que os cidadáns e as empresas fan de Internet.
O usuario de Internet, engaden os responsables da xuntanza, xa non é pasivo: “Non é un mero consumidor de información, senón que agora é activo, pasou a ser un xerador de contidos, pode facer públicas con enorme facilidade as súas opinións, habilidades, inquedanzas ou iniciativas diante do mundo enteiro ou da súa comunidade”.
O programa das xornadas continuará ao redor de diversas mesas de debate nas que se prestará atención ás comunidades no desenvolvemento de proxectos de software libre, ás empresas 2.0, ás aplicacións e experiencias educativas das redes sociais e aos escritores na blogosfera.
