O Campus de Pontevedra celebra o 11 de maio o Día das Redes Galegas

xoves, 4 de maio do 2017 Redacción

Temos Día das Redes Galegas. Será o 11 de maio, da man da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra en colaboración coa Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia. A xornada, para quen non o saiba, xa ten etiqueta de seu (#redesgalegas) e cometido básico: salientar o potencial das comunidades 2.0 para potenciar ao máximo a visualización e vitalidade da nosa lingua. A orixe desta conmemoración está na dita Facultade, cando hai tres anos o profesor Xabier Rolán impulsou o Social Media Day, coincidindo coa conmemoración do Día do Community Manager. Estes obxectivos mantéñense pero o evento muda de nome e de data, pasando a ser o Día das Redes Galegas e a celebrarse o 11 de maio, no Mes das Letras, co propósito de “reivindicar precisamente a necesidade de que o idioma gañe espazo nestas plataformas”.
O evento, que xuntará na Facultade diversos profesionais das tecnoloxías e da comunicación, non se vai celebrar este mes porque si. En palabras o profesor Rolán, “que mellor mes que maio para unha actividade sobre un espazo no que fai falta consolidar o galego como é na Rede?”. O obxectivo é facer debate no Campus de Pontevedra pero tamén, precisamente, nas comunidades dixitais. Aberto a todo o público interesado e coa opción de seguirse en streaming, o evento diríxese tamén a converterse “nun escaparate da xente formada nesta casa”, sinala o profesor, engadindo que a finalidade é amosar ao alumnado actual “que hai saídas, que hai traballo e que o mundo das redes sociais ademais de ser apaixonante é unha opción laboral moi interesante a ter en conta”.
Entre as participantes como relatoras atópanse María Pérez Justo, que traballa actualmente en Twitter España, ou Arancha Vilas, responsábel de comunicación da marca de móbiles Elephone Spain. Asemade, o Campus estará representado por Cristina Rey, egresada da Facultade e responsábel actual de comunicación dixital da firma téxtil Mekkdes. A relación de conferenciantes complétase co responsábel de outbound marketing de Elogia, Marcos Gómez Lamela

PUBLICIDADE