O Carballo Interplay volverá en novembro cun formato híbrido

xoves, 18 de xuño do 2020 Marcus Fernández

A primeiros de marzo anunciouse que a VII edición do Carballo Interplay suspendía a súa celebración no mes de abril por mor da pandemia, confiando en poder celebrarse máis adiante, e finalmente confírmase que o Festival de Contidos Dixitais quedou simplemente adiado, fixándose a súa celebración entre os días 18 e 21 de novembro nunha edición híbrida, para o que a organización está a ultimar un formato de festival feito a medida que dea prioridade aos contidos virtuais pero que non desbote as actividades presenciais se a situación sanitaria o permite.
O Carballo Interplay mantén así o seu criterio de responsabilidade colectiva e procurará evitar calquera risco de contaxio, á vez que non quere abandonar o seu rol de referente a nivel estatal como festival de contidos dixitais. Lembremos que este encontro acolle un festival internacional de webseries, así como numerosas actividades formativas, axudando así a dinamizar o sector audiovisual e pór en valor novos formatos e talentos.

PUBLICIDADE