O CiQUS e IBM demostran a existencia dunhas moléculas con gran potencial no eido da electrónica

martes, 14 de xullo do 2015 Fernando Sarasketa

A USC e IBM veñen de dar a coñecer un importante achado científico-tecnolóxico froito da súa colaboración, máis polo miúdo do traballo conxunto entre un equipo mixto de investigadores do CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC) e IBM Research. O achado, en concreto, é a demostración da existencia de moléculas efémeras, as chamadas arinos, unha familia de moléculas “extremadamente reactivas e de vida curta” cuxa existencia foi suxerida por vez primeira hai máis dun século. Segundo informan dende a USC, a técnica desenvolvida podería ter importantes aplicacións na química e na fabricación de novos e revolucionarios compoñentes electrónicos (por exemplo no desenvolvemento de nanocintas de grafeno ou dispositivos unimoleculares).
Como dixemos e segundo relatan os investigadores do CiQUS, a existencia dos arinos foi proposta por vez primeira en 1902. Dende entón, a súa química foi clave na síntese dunha gran variedade de compostos moi útiles, como fármacos ou materiais moleculares. Unha das súas principais características, engaden, é que teñen unha vida moi curta: só duran uns milisegundos, “algo que ata o de agora facía case imposible o seu estudo”. Os traballos do centro galego e de IBM Research (con base en Zúric), reflectidos xa na prestixiosa publicación Nature Chemistry, dirixíronse polo tanto a rexistrar, documentar e acreditar a existencia das ditas moléculas. Nun plano máis concreto, foron quen de desenvolver unha técnica de microscopía con resolución atómica.
Segundo informa o profesor Diego Pena, químico na USC, “os arinos estúdanse nas materiais de química orgánica en graos universitarios por todo o mundo, polo que é un alivio ter descuberto que estas moléculas existen en realidade”.
O traballo é resultado do proxecto europeo PAMS (Planar Atomic and Molecular Scale Devices), cuxo obxectivo consiste en desenvolver novos dispositivos electrónicos de tamaño nanométrico. Parte desta investigación está financiada por un proxecto Advanced Grant do European Research Council concedido ao investigador de IBM Gerhard Meyer, quen é coautor do traballo.
Lembar que IBM Research e o CiQUS xa colaboraran previamente, publicando traballos sobre a diferenciación de ligazóns químicas en moléculas individuais e a visualización de nanografenos xerados a partir de compostos orgánicos sinxelos.
Esta investigación é tamén resultado do investimento por parte de IBM de 3.000 millóns e dólares para os vindeiros cinco anos, co fin de avanzar na tecnoloxía dos circuítos integrados e as innovacións en semiconductores, “precisas para cumprir as demandas da computación na nube ou os sistemas de datos masivos”, explican os investigadores da USC, que recordan tamén que os resultados obtidos da colaboración fortalecen unha das liñas de investigación do centro compostelán, centrada no desenvolvemento de aproximacións ascendentes á electrónica de tamaño molecular.