O CiTIUS organiza a Semana da cidadanÍA
xoves, 10 de outubro do 2024
Santiago de Compostela quere atraer á elite científica en intelixencia artificial entre os días 19 e 24 de outubro, coa celebración da European Conference on Artificial Intelligence (ECAI 2024), evento de extraordinaria magnitude que conta xa con máis de 1.600 persoas rexistradas procedentes de todo o mundo, situando á cidade como un referente internacional no campo das tecnoloxías intelixentes.
Cifras e expectativas de carácter global que, non obstante, conviven co interese do público local, ao que se ten reservado tempo e espazo no contexto histórico desta conferencia, a través de actividades pensadas para a sociedade máis próxima.
Paralelamente ás intensas labores de coordinación como institución responsable deste encontro, o CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC), programou unha serie de encontros abertos ao público baixo o título Semana da cidadanIA, co obxectivo de aproveitar a oportunidade histórica desta conferencia para achegar a IA ao público xeral. As actividades terán lugar a semana previa ao congreso (entre o 14 e o 19 de outubro), e estarán distribuídas por distintos puntos da cidade, sendo de carácter gratuíto e abertas ata completar aforo, sen necesidade de inscrición previa.