O Clúster do Produto Gráfico presenta este venres o seu Amazon á galega
mércores, 25 de xuño do 2008
O futuro editorial da nosa terra ten moitos vieiros posibles, e o da innovación semella estar impoñéndose como o de meirande percorrido a longo prazo. Ou sexa: que é o que ofrece máis e mellores perspectivas, en boa medida porque concorren nel tecnoloxías e recursos da información coas súas vantaxes á hora de incrementar promoción e difusión. Así o entende o Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego, que vai presentar este 27 de xuño (venres) a súa Plataforma Tecnolóxica e as actuacións previstas pola entidade na nosa xeografía e (en boa media grazas á Plataforma) alén dela.
A idea, segundo fai saber o Clúster, é facer desta ferramenta un “Amazon Galego”. Ou sexa: a aplicación ao noso eido (con todas as diferenzas que acheguen as nosas circunstancias particulares) do modelo da firma estadounidense de comercio electrónico, especializada en vender todo tipo de produtos a través de Internet, sendo os libros e os discos (en boa medida) a súa primeira e máis importante aposta.
Asemade, informa o Clúster, darase a coñecer no acto do venres (a celebrar no Club Internacional de Prensa de Santiago a partir das 12.00) o primeiro Centro Tecnolóxico do Produto Gráfico e do Libro Galego, amais do desenvolvemento dun sistema de etiquetado de RFID, ferramenta que se emprega na identificación de radiofrecuencia.
O acto contará coa presenza de Jacobo Bermejo e Juan Penas, presidente e xerente da entidade. Asemade, concorrerá na rolda de prensa Rafael Fernández, presidente da nova plataforma tecnolóxica. Todos eles afondar nas cuestións devanditas e avanzarán máis proxectos levados a cabo ao abeiro da innovación e a internacionalización do produto galego.
