O Coliseum acolle esta fin de semana a 16ª edición da Arroutada Party
mércores, 7 de outubro do 2009
Xa vai quedando menos para o comezo da nova edición da xuntanza informática para a mocidade máis antiga do noso país: a Arroutada Party. A 16ª convocatoria da xa mítica maratón informática coincide este ano coa ponte laboral (e académica) do 12 do outubro, polo que é de agardar que teña un tirón máis que salientable. Concretamente, desenvolverase do venres 9 ao luns 12, sendo a previsión a de achegar rede e actividades de todo tipo a 1.500 seareiros da informática e da comunicación dixital. Máis en detalle, os participantes disporán dunha malla local que se habilitará para a interconexión dos seus equipos, así como dun accreso de alta velocidade á Rede.
Na organización, un ano máis, estará a Asociación da Mocidade de Informática Galega, Amiga, que contará este ano coa colaboración de institucións como a Facultade de Informática da Universidade da Coruña ou o propio Concello da Coruña. Segundo contan os responsables da party, todo apunta a que a nova edición da Arroutada será mais que nunca “unha fábrica de lecer e conversa”.
Bos agoiros non lle faltan á xuntanza: coincide coa devandita ponte, ten unha longa experiencia entre os maratóns informáticos do país, conta co aval de Amiga e celébrase nun espazo privilexiado para o encontro de participantes directos e indirectos (visitantes en xeral): o Coliseum da Coruña.
De feito, outra das previsións dos organizadores é a de atraer ata o recinto a máis de 3.000 persoas procedentes de todos os recantos da nosa xeografía e máis do resto do estado.
Polo que respecta ao programa de actividades, dicir que todo indica a que vai ser amplo e variado: haberá concursos de hacking e de fotografía, competicións de scenes e videoxogos, obradoiros, conferencias, mesas redondas e proxeccións de curtametraxes. A temática destas e outras accións tamén será do máis dispar, aínda que sempre vinculada á Sociedade da Información: seguridade na rede, privacidade, programación aberta, informática creativa, deseño en contornos de 3D, música, animación ou xogos. Asemade, habilitarase para os asistentes un espazo de esparcemento no que terán a posibilidade de desconetarse do ordenador cando o consideresen oportuno e co obxectivo de reivindicar o emprego de xogos e actividades du mundo que non por ir quedando atrás é menos importante: o mundo analóxico. Así, os participantes disporán de xogos de cartas ou mesmo de futbolíns.
Apoios
Nesta nova edición, os responsables da mesma contan co apoio de numerosas empresas e institucións que colaboran ao éxito do acontecemento. Entre os organismos e institucións públicas atópanse o Concello da Coruña; IMCE –empresa que xestiona o Coliseum-; a Universidade da Coruña e a Facultade de Informática; a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, xunto con representantes do mundo empresarial informático e das telecomunicacións como R, Microsoft, Xbox 360, Dynos informática, Cisco, Antec, TakeMS, Hauppauge, entre outras.
