O Computex 2020 celebrarase a finais de setembro

mércores, 25 de marzo do 2020 Marcus Fernández

O coronavirus continúa a ter un grande impacto sobre a axenda de eventos tecnolóxicos, e dado que en Asia xa ven a luz ao final do túnel, algunhas organizacións optan por reaccionar mudando as datas dos seus encontros en vez de cancelalos, grazas a que teñen tempo de reacción dabondo. Tal é o caso do Computex 2020, previsto para os días 2-6 de xuño, que vén de mudar a súa data para os días 28-30 de setembro.
O Computex é unha cita moi importante para os fabricantes asiáticos, que acoden á feira para presentar as súas últimas innovacións, de xeito que podería converterse no grande escaparate de moitas das tecnoloxías relativas á 5G, as telecomunicacións e os videoxogos, especialmente ante a falta doutros eventos na primeira metade do ano.
O cambio na axenda refírese ao evento presencial, xa que paralelamente manterán a data de xuño para a organización dun Computex en liña, para que os compradores internacionais que normalmente acoden ao encontro teña unha canle para coñecer novos lanzamentos e relacionarse con grande provedores de solucións TIC.
Dende a organización do Computex confían en que a situación da COVID-19 se controle durante o segundo trimestre do ano, de aí que decidisen adiar a súa feira para un momento máis propicio, no que poderá xogar un rol prominente na recuperación económica do sector, axudando á súa dinamización.

PUBLICIDADE