O Concello de Abegondo estrea a ferramenta Urbanismo en Rede
venres, 17 de abril do 2009

- Juan José Rocha Carro, alcalde de Abegondo, e Francisco Javier García Vieira, director de planificación de programas de Red.es, presentan o desenvolvemento da iniciativa piloto do Concello de Abegondo dentro do proxecto Urbanismo en Rede
Nunha aposta sen igual do Concello
de Abegondo polo impulso da administración electrónica e a aplicación das TIC
á tramitación administrativa dos seus lindes con claridade e transparencia, este
organismo vén de presentar o desenvolvemento da iniciativa Urbanismo en Rede para o municipio, que este leva a cabo en
colaboración coa entidade estatal Red.es.
Este proxecto permítelle a todos os usuarios obter información
urbanística de interese para eles e elas de xeito inmediato e personalizado a
través da páxina web do devandito Concello. A ferramenta dispón os datos
mediante dúas vías: premendo directamente sobre a zona do mapa da que desexen
obter información, ou ben introducindo datos concretos referidos ao planeamento
do seu interese, tales como distrito postal, referencia catastral, código urbanístico,
coordenadas físicas, nome da zona a consultar…
Deste xeito, os
interesados poden obter directamente da web todos os niveis de información
dispoñibles sobre a parcela ou área de interese, tales como clasificación,
categorías do planeamento e cualificación do solo. Asemade, a aplicación
permite descargar unha ficha urbanística completa e complementa a información
con outros datos de grande utilidade como a información catastral.
Segundo vén de anunciar o alcalde da localidade coruñesa,
Juan José Rocha Carro, a nova ferramenta irá incorporando paseniñamente novas
funcionalidades “para facilitar aínda máis
o acceso dos cidadáns á información urbanística do seu Concello”.
Como continuación das experiencias piloto, o Ministerio de
Vivenda e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio asinaron o pasado mes
de febreiro un convenio que ten como obxectivo estender a solución deseñada a
outros concellos e no cal poderán participar as comunidades autónomas que o
desexen así como outros organismos como a FEMP. O convenio, que abarca o
período 2009-2012, supón un investimento de 57.000.000 de euros, dos cales
40.000.000 son unha achega de red.es e o resto deberá ser cofinanciado polos
participantes.
