O Concello de Narón e Cibervoluntarios achegan cursos de balde sobre formación dixital

xoves, 22 de xaneiro do 2026 S. P.

Mellorar as competencias dixitais da cidadanía, facilitar o acceso ás novas tecnoloxías e promover un uso seguro de Internet e das ferramentas dixitais na vida cotiá é a finalidade dos cursos gratuítos de formación dixital presencial que o Concello de Narón propón para os vindeiros meses e que se levarán a cabo na Casa da Mocidade.
Cómpre engadir que o Concello de Narón promove esta iniciativa a través dun convenio de colaboración coa fundación Cibervoluntarios e está enmarcada no programa YoConecto.
Indo ás accións formativas, a asociación oferta cursos dirixidos á poboación maior de 18 anos, centrados na creación de contidos dixitais, na procura de emprego e na mellora da empregabilidade. Neste bloque inclúense as accións formativas: Crea contido con IA, que se impartirá do 23 ao 26 de febreiro, de 17 a 20 horas; Como buscar emprego no mundo dixital, do 9 ao 12 de marzo, tamén de 17 a 20 horas; O teu currículum dixital, do 23 ao 26 de marzo, no mesmo horario; así como Seguridade: protexe o teu mundo dixital, do 20 ao 23 de abril, e Apps útiles para a xestión de trámites en Internet, do 11 ao 14 de maio, ambos de 17 a 20 horas.
Alén destes cursos prográmase un curso específico para persoas maiores de 60 anos, orientado a facilitar a iniciación no uso das tecnoloxías dixitais e a comunicación a través de dispositivos móbiles e aplicacións habituais. Esta formación inclúe: Iniciación ao mundo dixital, do 23 ao 26 de febreiro, de 10 a 13 horas; Comunica con confianza: WhatsApp e Telegram, do 16 ao 19 de marzo, de 10 a 13 horas; Seguridade: protexe o teu mundo dixital, do 20 ao 23 de abril, de 17 a 20 horas; Apps útiles para a xestión de trámites en Internet, do 11 ao 14 de maio, de 17 a 20 horas; e Aprende a manexar as túas redes sociais, do 18 ao 21 de maio, de 10 a 13 horas.
Sinalar que as inscricións para participar nestas accións formativas impulsadas por Red.es con fondos da UE, tramitaranse a través da asociación Cibervoluntarios.