O Congreso FLÚOR afondará na intelixencia artificial e no audio en liña

luns, 8 de maio do 2023 Redacción

A 5ª edición do Congreso Atlántico de Marketing Dixital FLÚOR terá lugar o 25 e 26 de maio de 2023 en Pontevedra e abordará como potenciar os negocios con tecnoloxías en auxe como a intelixencia artificial ou o audio en liña. Trátase do maior evento sobre márketing dixital do Noroeste de España, con 2 días intensos de actividade, e que reunirá a máis de 20 relatores. De novo será presencial e tamén será emitida en directo por streaming na web do congreso, e ademais a través da súa canle de Twitch.
A intelixencia artificial estará presente en varias das conferencias e obradoiros, con especial atención ao seu uso na creatividade publicitaria e o deseño. Igualmente, o auxe do audio en liña e os podcast serán obxecto dunha mesa redonda e un obradoiro práctico específicos.
Algúns dos relatores confirmados son Sara Vega (Fnac), José Cabanas (Hijos de Rivera), Fernando Muñoz (Grupo Raíz), Simone Serasini (Accenture Song), Óscar de Castro (Pull&Bear) e Alejandra Chacón (Havas Media).
Tamén haberá unha mesa redonda sobre márketing en centros comerciais, na que participarán responsables de centros destacados en España como Caleido (Madrid), Anecblau (Castelldefels), Porto Venecia (Zaragoza) e Marineda City (A Coruña). Falarán, entre outros temas, sobre as estratexias de captación de visitantes e a xestión da experiencia de cliente con tecnoloxías dixitais.
Outra mesa redonda centrarase no boom do audio en liña, (podcast, música, radio) con tres dos seus grandes protagonistas. Por unha banda unha plataforma líder mundial, como Spotify; en segundo lugar un grupo de medios, como Présa, creador de plataformas como Podium Podcast e outras; e en terceiro lugar Audiomotion, consultora especializada en publicidade en audio dixital.
O patrocinador principal do Congreso continúa sendo a Concellería de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, cidade que acolle a versión presencial desde o seu inicio en 2019, e cuxa imaxe estará presente durante a retransmisión en liña do Congreso.

PUBLICIDADE