O Festival Brincadeira de Ordes xa quece motores na Rede
xoves, 19 de xuño do 2008
É posible a día de hoxe escolmar dende a Rede os festivais onde non podemos deixar de aparecer ao longo do verán? Pois tal e como están as cousas e malia que se cadra fiquen baleiros por cubrir, cremos que si é posible. Ou sexa, que poucos certames quedan xa na nosa terra que non usen a Internet como antes se empregaba o altofalante a todo volume enriba do teito dun coche. Estes tempos do altofalante xa van pasando paseniño (e menos mal) e agora coas novas plataformas semella que hai máis vantaxes: as webs fan menos balbordo e non tes necesidade de perseguilas para descifrar o que contan porque son elas as que che saen ao paso. Se onte falabamos da do Festival de Ortigueira (unha web que é o resumo de intencións desta edición, que quere ser unha volta á orixe), hoxe toca facelo do Festival Brincadeira 08 que organiza o Concello de Ordes e que xa quece motores na Internet.
Na face virtual do certame, que ten lugar na dita localidade coruñesa os días 8 e 9 de agosto, podemos atopar xa toda a información relativa ao evento: o programa, quen toca, como se chega, quen patrocina e que actividades se van desenvolver alén das estritamente musicais.
Tamén podemos poñernos ao tanto dos grupos convidados ao festival, que, por certo, é cen por cen de balde: Amparanoia, Def con Dos, Krakovia Che Sudaka, Obrint Pas, Machina, Los Coronas e máis o Chícharo Psicótico. Respecto ás actividades “non estritamente musicais” do certame (que se está a presentar arestora, este xoves 19 ao mediodía, no FNAC da Coruña), cómpre sinalar que se dirixe non só a dar conta do máis salientable da maridaxe actual entre expresión artística e novas tecnoloxías da comunicación, senón tamén a animar aos participantes a traballar nela e amosar os seus froitos.
De aí que xa estean convocados (entre outros) un Festival de Videoclips para os dous días de certame e máis un Concurso de Guitar Hero (o vídeo xogo de simulación) para que os participantes poidan dar conta no escenario do Campo da Feira das súas habilidades coa guitarra.
