O Finisterrae seguirá a disposición de grandes proxectos científicos internacionais
luns, 5 de maio do 2008
O supercomputador galego Finisterrae xa deixou definitivamente de ser noticia polo que representa (un dos equipos de computación máis completos do mundo) para estar nos medios polos seus froitos presentes e futuros: logo de preto de dous meses de actividade, xa axudou á resolución dun problema que ficaba en calexa sen saída (os puntos de Fekete, do que falamos nesta mesma web) e todo indica a que vai seguir na liña da cooperación científica e dos grandes retos a superar.
Isto vaise dar de portas para dentro (achegando recursos a investigadores galegos en maior ou menor medida vinculados ao Cesga, que é onde se acha o Finisterrae) e de portas para fóra (tendendo pontes con científicos de calquera recanto do mundo, tal e como se puxo de manifesto coa resolución dos puntos de Fekete, para a que se traballou con investigadores cataláns).
O caso é que o ordenador Finisterrae seguirá a disposición de proxectos de envergadura no eido internacional, tal e como informou Javier García Tobío, con independencia de que unha parte dos seus recursos estea polo de agora empregada por investigadores galegos e do CSIC.
A idea é poñer ó Finisterrae ó servizo do que se podería chamar “prioridade científica e social”. Ou sexa, de libre acceso para aquelas grandes iniciativas que conten cun especial interese para a ciencia. Estas, que terán o privilexio de non ficar en cola e que serán seleccionadas a través de dúas convocatorias anuais, contarán con catro millóns de horas de cómputo para cada doce meses, o que representa o 20% da capacidade do Finisterrae.
Sinalar que polo de agora o supercomputador está por debaixo do que sería un limiar mínimo de rendemento, o que ten a súa explicación se pensamos que como calquera máquina de envergadura precisa dun período de tempo de rodaxe (púxose en marcha hai pouco máis de un mes). Dito doutro xeito: non pode estar traballando polo de agora máis de cen horas.
