O Firefox Mobile se pode probar dende o ordenador

martes, 21 de outubro do 2008 Marcus Fernández

A versión de escritorio do Fennec nos permite comprobar cómo se verán distintas páxinas web no futuro navegador

Nos últimos meses temos falado de que dende a Fundación Mozilla están a traballar nunha versión do seu navegador Firefox para dispositivos móbiles que se desenvolve baixo o nome chave de Fennec, e do que xa hai unha versión de proba para o Internet Tablet Nokia N810, pero os que queiran achegarse ao futuro navegador para ver o que dará de si pode instalar unha versión de proba para ordenadores persoais, de xeito que podemos ver cómo se verán distintas páxinas web en dispositivos móbiles.
Agora que vemos como moitos móbiles contan con grandes pantallas táctiles é de agardar que un navegador coma Firefox Mobile poida ter moito éxito, entrando en competición directa con Opera Mini (que é un dos navegador máis empregados, con perdón do Safari do iPhone).
O novo navegador non se parece aos que actualmente existen para dispositivos móbiles, especialmente polo feito de que estará aberto a engadidos, mentres que os seus competidores tenden a ser ferramentas pechadas.
O Firefox xa se portara para dispositivos móbiles no pasado (na versión 2 do navegador), pero non chegara a madurar, e agora dende Mozilla parten do novo motor Gecko integrado no Firefox 3, polo que poderiamos estar ante un navegador máis robusto, lixeiro e respectuoso cos estándares web.